Dom, 08 Abr 2018, 19:31
Asunto: Re: Diario de Meigalicix (polo 20% e subindo)
Crónicas da favela:" A corredora , o preparador, a archirrival e a súa lebre"
A miña 8ª Vig-Bay. Esta edición, e cada unha das anteriores, unha película diferente, pero todas elas "de cine", con moito que ver, moito que contar.
Certo que eu non son Hellen Mirren, nin a historia deste ano chega ós limites do humor negro e ó terror da película de Greenaway, pero si que desta volta eramos unha peculiar mestura de personaxes na carreira, cada quen coas súas cartas á vista e as súas expectativas secretas metidas no peto.
Coma toda festa que se precie, xa comezou de víspera, coa recollida de dorsais. Outro anos iamos todo o equipo improvisado da favela á xunta: os de Teis, os emigrados de Suiza que algunha vez saíron no Faro de Vigo, e ata sacabamos fotos coas bolsas na man dinte do Verbum... o caso é que desta volta (por lesións e causas varias) deixáronme soa. Pero como diría o Mota "as que entran polas que saen": Nesta edición sumouse a representación ourensana: A miña archirrival e a súa lebre.
Para ela, que xa lle sabe a pouco facer podium en cada carreira de 10 km á que vai, ía ser o seu debut na media distancia. Bo criterio , qué mellor lugar para estrearse que na Vig-Bay. A súa lebre é un dos históricos que correu unha morea de Vig-Bays ata que se fartou da subida de prezos na inscipción, pero "si hay que ir, se va", qué clase de lebre sería se non fose a valer á súa corredora.
Quedei con eles para vernos Samil xa sobre as 9 da mañá, para darlles os dorsais, quentar un pouco , e darlle un pocuo de traballo por partida triple ó meu sufrido preparador e utilleiro, que andaba alí chupando aire e frío mentras nos íamos e viñamos deixando puchos e sudadeiras.
Sobre as 10 da mañá tocou Carmafoto. Máis de 15 persoas do equipo, rodeada eu da flor e nata, os protagonistas das películas taquilleiras de acción e heroismo, candidatos seguros a chegar a Baiona en 1 hora e 25 minutos ou menos. Pero é o bo que teñen as Carmafotos, que hai sitio para todo o mundo, ata para os de marca branca e de andar por casa coma min.
Coa mesma xa enganchamos algúns (
Sonsuso mais eu,porque
Sanmikel andaba desaparecido...) coa fotokedada do foro. Non estaba Baoes, pero non faltaron os imprescindibles:
Amina, Litho, Doutor Slump, Andres 61, Isaías, Pelerín...
De contado chegou a hora de poñerse na liña de saída. A miña arcirrival e a lebre deberon situarse preto do globo de 1 hora e 50. Pero
Andrés 61 mais eu demoramos un pouco trotando antes , e saudando a
Montxo, quedando ó lado do globo das 2 horas.
A idea era correr xuntos mentras nos dese o corpo, e intentar facer algo parecido a 1 hora e 55, pero igual que cantaba Sabina, "lo nuestro duró lo que duran dos peces de hielo en un wisky on the rocks". Foi inevitable, deron a saída e as pernas fóronseme soas ó ritmo que pedían, adiantando a toda a xente que tiña por diante. Sei que Don Andrés61 non me garda xenreira por iso, porque o noso era un acordo libre sen contrato de permanencia.
En xeral a climatoloxía portouse ben, nos momentos previos de quecer e no inicio da carreira poidemos ir a pe enxoito e cunha boa temperatura. Estábanme saindo uns ritmos bos, aínda que a perna dereita se queixaba, pero dentro do soportable. No tramo previo a Praia Amèrica notei a musculatura dando a voz de alarma, e boitei man da primeira gominola do avituallamento, creo que tería que telo feito antes. Chegando a Monte Lourido o pé dereito estaba afectado dos síntomas dunha boa bocha incipiente baixo o dedo gordo. Debería ter posto uns compeeds coma outros anos, pero con tempo de chuvia os parches sóltanse e acaban estragando máis do que amañan, iso foi o que me aconteceu hai dous anos e por iso nesta edición renunciei: resumindo, que con humidade calquera cousa que faga sáeme mal. Por se iso non fose de abondo , nalgunha das cunetas de Monte Lourido enchoupouse o pe esquerdo, e cando enfilei cara a Ramallosa os ritmos eran de 5:45, en fin, habería que salvar o tipo como fose, pero as contas non pintaban ben. Os kilómetros ían pasando de contado, as pernas ían respondendo sen calambres, pero sen dar demasiadas alegrías. Nesas rectas interminables entre Sabarís e Baiona ían quedando os habutiais disidentes nas cuentas (mágoa de ter que botar a andar cando só quedan 3 km), pero ó mesmo tempo que eu os rebasaba, tamén ía rebasándome a min moitas das persoas que adiantei nos primeiros 10 km. Tanto tiña, o caso era chegar, e ademais levaba no peto os ánimos que fun recibindo durante a carreira, impagables todos eles: Os meus colegas lesionados da favela animando xusto no alto da costa de Canido, a compañeira
Lisy pasado o km 10, outro compañeiro do que aínda non me sei o nome , que me rebasou a media carreira e tivo o detalle de saudar, e a compañeira
Aurora na recta final de Baiona.
Máis impagable aínda ter ó noso esforzado utillero na liña de meta esperando coas mochilas e as sudadeiras.
Tal e como eu prognosticaba, a miña archirrival, acompañada da súa lebre , debutou cun máis que magnífico tempo neto de 1 hora e 50, uns 100 postos diante miña na xeral feminina. Eu fixen desta volta 1:56:19 polo meu garmin. Para Championchip 12 segundos máis. Tendo en conta o estado das miñas pernas e os meus pes despois de Monte Lourido, aínda menos mal. 21 de 72 veteranas +50, indo ós tempos netos.
Con presa por chegar ás duchas antes de que nos deixasen sen auga, enfilamos cara o pavillón os tres. Teño que manifestar que desta volta houbo para as mulleres algo máis de sorte que en anos anteriores: Mandáronnos ó piso de abaixo, non tivemos que facer cola, tivemos auga con presión de abondo e temperatura aceptable, e ata quixo o destino que volvese a coincidir a carón de Amina compartindo banco, colgador e resultados. Parece ser que nas duchas masculinas a cousa non pintou tan ben, por ser 3000 participantes máis.
Xa duchados e acicalados, e despois de facer saúdos de rigor na zona de premiación, fumos cara onde nos esperaba o imprescindible utillero e chófer, e tomamos rumbo a Canido para dar conta da parte máis significativa da xornada: A de tomar as cervexas, revisar os resultados na páxina de Championchip, disfrutar do xantar, da sobremesa, os chupitos de caña de herbas, as risas e os cafés ata as 7 da tarde, momento en que achegamos á archirrival e á lebre ó seu coche en Samil, facendo plans para a seguinte ocasión.
Mañá seguro que estarei renqueante, pero que nos quiten o bailado/ corrido/ disfrutado
Última edición por Meigalicix o Lun, 09 Abr 2018, 6:45; editado 2 veces