Sat, 02 Jan 2021, 17:43
Post subject: San Silvestre Vallecana 2020
Esta era unha carreira desas que se teñen no punto de mira para participar algún ano, pero para este realmente perdera toda a esperanza, sobre todo despois de ver como foi o maratón de Valencia ou outras competicións reservadas só para profesionais invitados...
Despois anunciaron que tamén habería uns poucos dorsais para outros atletas con marca, pero recoñezo que as condicións nas que se ía celebrar a carreira non me convenceron nun principio... Estaba claro que non ía ser a Vallecana de toda a vida, pero por outro lado, desperdiciar esta oportunidade no ano das non-oportunidades...
Si, #VallecanaSóloHayUna pero xa haberá nun futuro (máis próximo ou máis lonxano) a posibilidade de vivila con decenas de miles de corredores, sexa a popular ou a internacional, ou as dúas... e #VallecanaComoEstaSóloHabráUna
Habería realmente 2 carreiras: a feminina ás 18:30 e a masculina ás 19:30. Un máximo de 250 corredoras e 250 corredores. 75 élite invitados e 175 por marca en cada unha. Para os homes sub 34 en 10k homologados; e mulleres sub 40. Parece ser que os dorsais masculinos se esgotaron nun par de horas... Eu entrei cos meu 31:13 de Valencia de fai un ano.
Á hora de inscribirse había que indicar unha franxa horaria de 1 hora desde as 8 ás 14 horas do 31 de decembro para recoller o dorsal, no hotel Rafaelhoteles de Atocha, onde primeiro tiñamos que pasar un test de antíxenos para recoller o dorsal. Días antes tamén contactaron cos corredores para proporcionarnos un Certificado de Movilidad e así poder desprazarnos nós e acompañante ou persoal técnico coa seguridade de ter ese "salvoconduto".
Unha vez feito o test, esperei como uns 15 minutos e despois recollín dorsais (con chip, nome en grande e número en pequeno para o peito; sen chip
con número en grande e nome en pequeno para a espalda). A bolsa do corredor non era bolsa, se non caixa, coa famosa camiseta de manga larga, coa palabra "internacional" na parte de atrás, de cor coral e co slogan de GoodBye2020; botella de RedBull, libro da historia da carreira, braga e mascarilla de tela...
O circuito esta vez serían 4 voltas de 2,5 km no ensanche de Vallecas, ao lado da cidade deportiva do Rayo Vallecano... Non había acceso para público, estaba todo valado arredor do circuito, e había 3 entradas: elite, mulleres con marca, e homes con marca. Dentro da miña zona, un espazo para quentar duns 300 metros se o bordeabas, e varias sub-zonas divididas por dorsal (do 51 ao 100, a miña do 101 ao 150, etc.) onde había unha pequena carpa que servía de "gardarroupa", onde nós mesmos pousábamos as mochilas.
Uns 20 minutos antes da saída tiñamos que estar nesa zona metidos, e ían chamando por número de dorsal e saíamos de un en un, disparados á recta de saída-meta, onde nos colocábamos de 4 en 4 nos puntos marcados. Foi divertida esta forma de colocarse, pero non así estar 15 minutos parados encima dun círculo co frío e aire que facía... Segundos antes da saída xa nos xuntamos todos e saímos xuntos, pero a contrapartida era que so podíamos desprendernos da mascarilla pasados 300 metros, incluso os elite, con ameaza de descalificación. (Eu prefería saír escalonadamente) e seguro que os varios que tropezaron e caeron na saída tamén. Por pouco me acaban tirando a min pero freei, esquivei e salveime...
A emoción da saída segue estando aí, e o certo é que o tiñan ben montado para dar un bo espectáculo, con speakers, música, luces, etc. Obviamente en Vallecas e en todo Madrid esta carreira é especial para eles e moitos se achegaron a mirala aínda que fora con bastante distancia, pero os ánimos e aplausos oíronse ben e agradecéronse.
Persoalmente o frío endureceu moito a carreira e era difícil correr todo o rápido que se podería nun 10k. Ademáis non era un circuito totalmente plano... Acabei con 32:08 e posición 75 de 213 chegados a meta, así que moi contento.
Ao rematar, máis ben polo frío, funme rapidamente recoller a mochila e abrigarme, e alí tiñamos o avituallamento post-carreira que recollíamos nós mesmo: auga, isotónica e redbull. Non houbo tempo para longas charlas post-carreira nin abrazos, aínda que de camiño á parada de metro si que me deron varias noraboas.
Foi unha gran experiencia e a parte de representar ao ao clube de atletismo Ría de Foz espero que non vos importe se dalgunha forma Correr en Galicia tamén estivo representado con orgullo!
Espero que este ano moitos populares de por aquí teñan tamén a súa oportunidade!