Calendario
Ver carrera

O Barco de Valdeorras

08/05/2022 12:30 - 14:00

[ Go Back ]

Descripción 10 km O Barco de Valdeorras

Data: domingo, 8 de maio de 2022 ás 12:30 h.
Inscricións: Carreiras Galegas

:: Comenta a proba no foro de Carreiras Populares ::

10 KM. O BARCO DE VALDEORRAS
8 DE MAIO DE 2022

REGULAMENTO
INFOMACIÓN XERAL
Esta proba cumprirá en todo momento coas recomendacións establecidas para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade provocada pola COVID-19, partindo do protocolo FISICOVID–DXT GALEGO da Federación Galega de Atletismo, certificado pola Secretaría Xeral para o Deporte con data do 1 de decembro de 2021, e en función da evolución da pandemia estará sometida, en
todo caso, ao cumprimento das normas de prevención da COVID-19 que establezan as autoridades sanitarias en cada momento.

Polo que a organización, o Concello de O Barco e Valdeorras e a Federación Galega de Atletismo, por causas de forza maior, reservaranse o dereito de realizar os cambios que sexan necesarios, previo acordo entre ambas partes, e que serán comunicados e difundidos entre as persoas inscritas, para o seu coñecemento.

Art. 1 – DATA
O Concello de O Barco de Valdeorras e a Federación Galega de Atletismo organizarán o 8 de maio de 2022 os 10 Km. O Barco de Valdeorras. A proba, incluída no calendario oficial de competición da FGA, disputarase a través dun circuíto totalmente urbano.

Art. 2 – HORARIO
A saída terá lugar ás 12:30 h.

Art. 3 – CIRCUÍTO
A proba levarase a cabo sobre a distancia de 10 km. O percorrido está medido e homologado pola Real Federación Española de Atletismo e discorre sobre asfalto na súa totalidade. A ruta estará debidamente sinalizada e terá marcados todos os quilómetros.

A carreira realizarase unicamente pola vía de tráfico rodado en todo o seu percorrido.
Atallar o trazado oficial, implicará a descualificación das persoas infractoras.
A saída e a meta estarán na Avenida Marcelino Suárez (altura Praza de España).
A organización poderá modificar o percorrido por causas alleas e/ou de forza maior.

Art. 4 – CONTROL TÉCNICO DA CARREIRA
A carreira estará controlada polo Comité Galego de Xuíces da FGA.

Art. 5 – SISTEMA DE CRONOMETRAXE
A cronometraxe realizarase mediante o sistema de chips. Haberá varios puntos de control de chips ao longo de todo o percorrido. As persoas participantes que non cumpran co paso por todos os puntos poderán ser descualificadas coa consecuente non aparición nos resultados finais.

Art. 6 – UTILIZACIÓN DE DORSAIS E CHIPS
Os dorsais con chips integrados, persoais e intransferibles, son exclusivos desta carreira e deben colocarse na parte frontal do corpo de maneira totalmente visible, sen ocultar e sen manipulacións, manténdoos así durante toda a proba.

A organización non admitirá persoas corredoras que non estean rexistradas ou que corran sen dorsal e/ou chip, e impediralles ter acceso á carreira en defensa dos dereitos daquelas regulamentariamente rexistradas. Non se permitirá a participación co dorsal e o chip correspondente a outra carreira ou persoa, con máis dun dorsal e/ou chip, dorsal falsificado ou outro que non sexa o oficial.

Calquera infracción destas regras implicará a descualificación das persoas afectadas na proba. A organización resérvase o dereito de excluílas da participación en futuros eventos.

Art. 7 – UTILIZACIÓN DE MEDIOS FÍSCOS NATURAIS
As persoas participantes terán que competir cos seus propios medios físicos naturais, sen axudas materiais de ningún tipo.

Non está permitido o acompañamento por ningún vehículo alleo á organización, nin bicicletas, patíns ou persoas non rexistradas na proba que poidan acompañar, avituallar ou marcarlles ritmos ás persoas participantes. Ao mesmo tempo, non se permite a participación con coches ou cadeiras de bebés, nin correr acompañados destes en ningún momento, así como tampouco está permitida a participación con
animais, nin correr acompañados destes en ningún momento.

Calquera infracción destas características poderá supoñer a descualificación da persoa participante.

Art. 8 – DESCUALIFICACIÓNS
Os membros da organización resérvanse a facultade de retirar da proba ao/a atleta que manifeste un mal estado físico, que non lle facilite á organización adocumentación que se lle requira, aos/as participantes que non respecten as indicacións da Policía Local, Protección Civil, xurado, servizos médicos ou membros
da organización debidamente identificados.

Os/as xuíces/xuízas da proba terán a facultade de descualificar ao/a infractor/a que non leve visible o seu dorsal, que o manipule e/ou ceda a outro, altere os datos facilitados á organización con respecto aos que figuren no seu DNI ou ficha federativa, non complete o percorrido, ou incumpra calquera outra norma contemplada nas normas da FGA, RFEA, WA.

As persoas corredoras descualificadas non terán opción a premios.

Art. 9 – PECHE DE CONTROL DA CARREIRA
O tempo de realización máxima da carreira será de 1 hora e 20 minutos.

Ao cumprirse este tempo, todas as persoas que aínda continúen no circuíto deberán retirarse e trasladarse á zona peonil. Consideraráselles “fóra de carreira” e non figurarán nas clasificacións.

Se deciden continuar, estarán a facelo baixo a súa exclusiva responsabilidade, debendo cumprir en todo momento coa normativa de tráfico e seguridade viaria.

CATEGORÍAS E INSCRICIÓN
Art. 10 – CATEGORÍAS
Sénior, nados/as desde 2004 ata os 39 anos
Máster A: De 40 a 49 anos cumpridos o día da proba
Máster B: De 50 a 59 anos cumpridos o día da proba
Máster C: De 60 a 69 anos cumpridos o día da proba
Máster D: A partir de 70 anos cumpridos o día da proba
Absoluta

Art. 11 – INSCRICIÓN E COTA
Nesta edición e atendendo ás limitacións que establece o Protocolo de prevención COVID-19:

a) A inscrición en liña realizarase a través da pasarela de pagamento inserida na páxina web da Federación Galega de Atletismo www.carreirasgalegas.com. Estará operativa desde a publicación de este regulamento, ata o 5 de maio de 2022.

b ) Cota e prazos de inscrición:
- Prazo reducido: ata o 24 de abril: 6€
- Prazo ordinario: ata o 3 de maio: 10€
- Prazo extraordinario: 4 e 5 de maio: 15€

A organización non aceptará ningún tipo de inscrición posterior a este prazo.

SERVIZOS A PARTICIPANTES
Art. 12 – ENTREGA DE DORSAIS
A entrega de dorsais realizarase o mesmo día da proba no Pavillón Municipal (rúa España) desde as 09:00 ata unha hora antes da carreira.

Para a recollida do dorsal é imprescindible a entrega da documentación que dite o protocolo COVID-19 do/a participante que figurará no formulario de inscrición. No caso de non ser presentada, o dorsal non se entregará.

Art. 13 – ASEOS
Haberá servizos (WC) nas inmediacións da zona de saída/meta.

Art. 14 – VESTIARIOS – DUCHAS
Estarán a disposición dos/as participantes os vestiarios e duchas do Pavillón Municipal de Calabagueiros (12 min. camiñando á zona de saída meta.)

Art. 15 – AVITUALLAMENTOS E RECOLLIDA SELECTIVA DE RESIDUOS
Establecerase un punto de avituallamento durante o percorrido e outro na liña de meta para favorecer a hidratación das persoas participantes. Calquera avituallamento fóra da zona marcada pode supoñer a descualificación da proba.

Ademais, poñeranse ao dispor dos/as corredores/as colectores para a recollida selectiva de residuos.

Art. 16 – SERVIZOS MÉDICOS
A proba dispoñerá dos servizos médicos recomendados pola FGA e de acordo coa lexislación vixente.

A organización dispoñerá dunha póliza de seguro de responsabilidade civil segundo a lexislación vixente. Todas as persoas rexistradas estarán cubertas por unha póliza de seguros de accidentes segundo o Real Decreto 849/1993, do 4 de xuño, que determina as prestacións mínimas do Seguro Obrigatorio Deportivo.

Art. 17 – CLASIFICACIÓNS
Publicaranse na páxina web www.carreirasgalegas.com. Non haberá exposición física das listaxes de resultados.

Art.18 – TROFEOS
Outorgaránselles trofeos no palco da entrega de premios ás tres primeiras persoas clasificadas da categoría absoluta, homes e mulleres e á primeira persoa clasificada de cada categoría, homes e mulleres.

As/os atletas deberán situarse na zona próxima á entrega de trofeos no momento no que pola megafonía se faga o anuncio do seu comezo, así como estar pendentes da chamada a cada unha das categorías.

Con carácter xeral, as/os atletas que non se presenten no momento da entrega do seu trofeo, perderán o dereito a recollelo.

Agradecémoslles ás persoas responsables dos clubs que teñan constancia de que a/o atleta non está presente que o comuniquen na zona do palco de entrega de trofeos o antes posible para evitar esperas innecesarias.

RESPONSABILIDADE E PROTECCIÓN DE DATOS
Art. 19 – RESPONSABILIDADE
A organización non se fai responsable dos danos que puidesen sufrir as persoas participantes por imprudencias ou descoidos delas mesmas.

O/a participante declara, baixo a súa responsabilidade, que realizou o oportuno recoñecemento médico que lle permite estar en condicións óptimas para realizar a proba, e exime á organización da devandita responsabilidade.

A organización dispón dun Seguro de Accidentes e Responsabilidade Civil que cubrirá os incidentes inherentes á proba.

Art. 20 – LOPD
Todas as persoas corredoras, ao realizar a inscrición, aceptan a publicación do seu nome e imaxe nas clasificacións, medios de comunicación e/ou internet. Mediante a inscrición, o/a participante consente expresamente que os seus datos sexan utilizados pola Federación Galega de Atletismo para comunicacións sobre as súas actividades.

En todo caso, de conformidade co establecido polo artigo 5 da LOPD, infórmase de que os datos de carácter persoal declarados pasarán a formar parte do ficheiro denominado ATLETAS, do que o responsable do tratamento será a Federación Galega de Atletismo, e cuxa finalidade será a relación de atletas federados/as na competicións oficiais, elaboración de clasificación e estatísticas.

Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición aos datos persoais rexistrados neste ficheiro poderanse exercer ante a Federación Galega de Atletismo (Avenida Glasgow s/n. Complexo Deportivo de Elviña), nos termos establecidos nos artigos 15, 16 e 17 da LOPD.

Art. 21 – COMPROMISO
A inscrición na carreira implica a plena aceptación do presente regulamento.

CONSIDERACIÓN FINAL
A organización resérvase o dereito de realizar algún cambio no presente regulamento se así o considerase, e deberá comunicalo na web e na información ás persoas participantes.

Todo o non reflectido no presente regulamento rexerase polas normas da FGA, RFEA e WA.

O/a participante comprométese a aceptar que ten lido, entendido e aceptado o cumprimento do protocolo de prevención da COVID-19 desta proba, colaborando en todo o posible coa Organización.

O protocolo será actualizado en función das restricións e limitacións vixentes no momento da celebración da proba decretadas por parte das autoridades sanitarias competentes.

:: Comenta a proba no foro de Carreiras Populares ::

Información actualizada a 14/4/2022

[ Go Back ]