Dom, 28 Set 2025, 16:20
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos galegos
Sábado 27 de setembro de 2025 - Carreira Solidaria por Ucraína
VILAGARCÍA DE AROUSA (Concello nº 137)
A tarde e a noite do venres estivera no cumpreanos dun bo amigo, con toda a nosa pandilla coruñesa. Son moi afortunado de telos, entre outras cousas, porque ningún comparte a afección por correr coma min. Isto é moi útil para tomar distancia e relativizar sobre as paixóns propias e alleas. Todos eles coñecen o meu reto de correr todos os concellos galegos, e de feito o ano pasado regaláronme o mapa de Galicia no que vou engadindo chinchetas mes a mes. Algúns deles sacan o tema para burlarse de min, outros para lembrarme que igual debería parar, outros para amosar a súa admiración... A pregunta de "cantos concellos levas?" é tan recorrente como "que tal estás?" ou falar do clima.
E xusto esa noite, falando do tema dos concellos, saíu outra cuestión: a de gañar algunha vez. Xa contarei carreiras do pasado neste diario, e as primeiras veces que cheguei a encabezar unha proba sen culminar a faena (a 2k de Malpica ou a San Silvestre Jerreirana de Carnota, ambas en 2025). Inda que son un amateur con varios podios no meu historial, son consciente de que unha vitoria igual non chega na vida, pero tamén os corredores populares sabemos que esta non é obxectivo fundamental. Non corremos para gañar: corremos para gozar, para sentirnos mellor, para superarnos a nós mesmos, para vivir.
O sábado pola tarde embarqueime a Vilagarcía no meu C3, sabendo que as veces o destino ás veces é revirado: teño amigos que viven alí, esta ocasión era unha oportunidade excelente para quedar con eles... pero xusto estaban de viaxe. Inda así, son colegas que non merezo e puiden quedar no seu piso durante a súa ausencia. Unha vez instalado, fun ata a praza do Auditorio de Vilagarcía a recoller o dorsal da distancia 5k.
A carreira en cuestión estaba organizada pola asociación Arousa Moza, que ten nas súas filas a Borjamina, celebridade archicoñecida pola súa participación en concursos televisivos. O evento tiña un trasfondo solidario pola causa ucraína, con voluntarios, colaboradores e participantes procedentes dese país. En canto cheguei á praza á hora estipulada polo regulamento e vin que estaba todo por montar (xa que a chuvia impedira a loxística), xa me decatei ó momento da atmosfera desta asociación: xente nova, que son todo corazón, vontade e ilusión, pero que en certos temas lles faltaba un chisquiño de xeito e cabeciña (pecados de xuventude). Volvín o piso vendo que aínda lles quedaba bastante por organizar e despois dun rato xa vin que as carreiras do 5k e 10k ían ter uns 20 minutos de atraso.
En canto me puxen na liña de meta, xa me daba a impresión que ía ser unha carreira atípica. Non chegabamos a 30 participantes e a maioría eran Erasmus e a mocidade da asociación. Inda menos mal que había algún que outro corredor na trintena coma min, para que non resultara un descaro absoluto.
Nada máis dar a saída, ós poucos metros detívenme un nanosegundo, xa que estaba estrañado por que ninguén tivera a iniciativa de saír escopeteado. Cando me decatei de que o grupo xa estaba en marcha, puiden reemprender o ritmo. E vivín esa estrañísima sensación de ser cabeza de carreira en todo momento, acompañado por un ciclista da organización que acabou sendo unha lebre improvisada.
Tratábase dun circuíto de 2,5 km para completar dúas veces, absolutamente chanciño, polo centro e a zona portuaria de Vilagarcía. Durante os primeiros 500 metros tiña a sensación de que o 2º clasificado igual podía darme caza, pero co paso da carreira e nas distintas curvas, idas e voltas do percorrido, xa vin que o único rival para non rematar primeiro sería eu mesmo.
Sei que podería baixar algunhas marchas, xa que o meu ritmo nos primeiros quilómetros era de sub3:40/km, pero o bo estado de forma por adestrar para o maratón de Valencia, o percorrido favorable, a miña desconfianza galega e a oportunidade de quedar primeiro absoluto, impediron que baixara o ritmo.
Xa nos dous derradeiros quilómetros sabía que estaba máis que amarrado ese primeiro posto, pero quixen aguantar o tipo para facer mellor marca persoal... E así foi, inda que coa emoción do momento, parei o Garmin nada máis cruzar a meta e quedaron polo camiño 30 metros para que o Strava contabilizase os 5 km completos. Pero na cronometraxe de Emesports, quedará que a distancia 5k da II Carreira Solidaria por Ucraína en VIlagarcía de Arousa, foi completada en 17 minutos e 57 segundos pola miña persoa, baixando de 18 minutos por primeira vez (e única ata o momento).
Ó cruzar pola meta sentín máis alivio que felicidade, xa que tampouco me deu a impresión de gañar unha carreira 'habitual', tendo en conta que o segundo cruzou a meta máis de tres minutos despois e o terceiro completou a distancia en algo máis de 25 minutos. Tratábase máis ben dun evento onde primaba máis o solidario, a ilusión da mocidade, o compromiso cos desprazados de Ucraína, que unha carreira popular ó uso.
Para seguir coa tónica da organización despreocupada, o atraso das autoridades adiou a entrega de trofeos ata despois da proba do 10k. Deume tempo de sobra para ir e volver ó piso un par de veces, ducharme e agardar vendo o final da carreira 10k, coa mala sorte de que a chuvia non deu moita tregua. O podio desluciu un pouco porque o terceiro clasificado non quedou para a foto (non o culpo, sei que moitos tiveron que marchar para non perder o tren).
Con todo, xamais esquecerei esta xornada, atípica en todos os sentidos. Agradecer de corazón á organización o trato e a disposición para levar a cabo este evento. Como ben dixeron na clausura, agardemos que o conflito armado estea máis preto do seu final, polo ben do pobo ucraíno.
Distancia: 4,9k | Desnivel: 1m | Tempo: 17m 57s | Ritmo: 3:37 /km | Posición: 1º
------
Domingo 28 de setembro de 2025 - Carreira Popular do Concello de Cambados
CAMBADOS (Concello nº 138)
Despois dunha noite de sofá, o domingo tocaba erguerse para almorzar un café e un croasán nunha cafetería de Vilagarcía e enlazar un concello máis: Cambados. Nesta ocasión, aliouse a fortuna para que no espazo e no tempo puidera tachar dous concellos dunha tacada, a tan só dez minutos en coche. Despois de aparcar no Pavillón Municipal e camiñar cara ao Pazo de Fefiñáns a polo dorsal, alí estaba a marabillosa xente do Clube Atletismo Cambados CAC, dos que coñezo a un par de irmáns por un amigo en común. Estivemos de charleta un rato e tocou quentar antes de tomar posición.
Despois do vivido en Meaño e vendo que se trataba dunha proba con varias edicións, tiña claro que a miña posición na clasificación non ía ser como a do día anterior. Non só porque o nivel era moito máis esixente, senón por amencer con dor nos cadrís, xemelgos cargados e ter que facer o dobre de distancia tan só 14 horas despois da miña mellor marca en 5k. Inda así, sen escusas, tomei saída na carreira popular de Cambados coa intención de facer un ritmo aproximado de 4 minutos o quilómetro.
Como outras tantas veces, foi un comezo en pelotón onde non tes claro de todo quen ía de farol e quen vai conservando para apertar cara ao o final. Tratábase dun percorrido de 5 quilómetros para completar en dúas voltas, coa sorte de non contar con apenas desnivel. Seguramente o máis incómodo eran as zonas marítimas máis expostas ós refachos de vento, o único que prexudicou por momentos o ritmo de carreira. Durante a primeira volta fun á caza dun grupo que se foi desintegrando antes de completar os primeiros 5 km, namentres que vivín varios adiantamentos de frechas humanas cunha mellor xestión das súas enerxías.
No km 4 pensaba que non podería resistir máis o ritmo aproximado que levaba de 3:55/km, pero un par de quilómetros despois vivín un rexurdimento persoal co que non contaba, e tiven folgos para subir un chisquiño ritmo. Nos últimos tempos, sen saber explicar ben o motivo, noto que teño máis problema para carburar ritmo ó inicio dunha proba que cara o final. Deste xeito, puiden entrar na meta o sprint, bastante lonxe dos que estaban diante de min e metendo distancia co meu perseguidor inmediato. Un bo test para ir practicando un ritmo respectable, sen moito repouso despois de outro día de meterlle gas. Ó cruzar a meta, tocou hidratarse, unha ducha rápida e de volta para Coruña despois doutro fin de semana de aventuras.
Distancia: 9,8k | Desnivel: 1m | Tempo: 37m 21s | Ritmo: 3:48 /km | Posición: 23º (7º Cat. Máster 1)
313 concellos por (per)correr - instagram.com/correndogalicia