Lun, 21 Set 2026, 12:09
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos
Sábado 19 de setembro de 2026 - Carreira Vía Verde do Eo
A PONTENOVA (Concello nº 196),
TRABADA (Concello nº 197) e
SAN TIRSO DE ABRES (Concejo nº 2)
O ano pasado entereime da existencia dunha carreira polo norte de Lugo que conectaba Galicia con Asturias, un formato moi interesante e semellante ao que vivira no Urban Trail da Eurocidade Tui-Valença. Por sorte, este ano non tiven problemas de axenda para asistir, e alá que crucei a fronteira cara a San Tirso de Abres, unha pequena vila transfronteiriza na que realmente se mestura o galego co asturiano.
A carreira en si consistía nun percorrido de algo máis de doce quilómetros que conecta San Tirso de Abres cos concellos galegos de Trabada e A Pontenova, e que ten lugar pola Vía Verde do Eo, unha antiga vía mineira de ferrocarril que conta con varios pasos por túneles. Nas tres edicións que leva celebrándose esta carreira, en ocasións van cambiando o sentido, intercambiando a saída e a meta entre San Tirso de Abres e A Pontenova. Persoalmente, prefería a meta en Galicia para aforrar uns quilómetros de coche, pero ao comprobar que o desnivel negativo era maior que o positivo, nin tan mal rematar en Asturias.
Despois de ter compañía en Folgoso do Courel e Monforte de Lemos, regresei á miña rutina solitaria, cunha hora e 45 minutos para chegar desde Coruña ata San Tirso. A carreira tiña lugar o sábado pola tarde e, como non tiña moi claros algúns detalles da loxística (onde aparcar, cando sairía o bus...), fun con marxe suficiente para comer de tupper pola vila e agardar tomando un café nun bar. Cheguei con tempo de sobra, recollín o dorsal e subín ao bus lanzadeira que nos levaría ata a saída na Pontenova.
Era a miña primeira vez por esta zona e a verdade é que me resultou bastante bonita. A saída tiña lugar na Praza dos Fornos, coas súas impoñentes e particulares cinco chemineas. Tras quentar un pouco e refrescarme na fonte da praza pola calor que facía, deron a saída. Teño que recoñecer que estaba un pouco picado tras quedar 4.º na 5K de Monforte e que, atopándome nun bo estado de forma por estar preparando a maratón de Berlín e tendo boas sensacións, decidín tirar forte desde o inicio para intentar estar nas posicións de arriba entre o centenar de participantes que eramos.
Estiven contento co meu rendemento, xa que non caín na trampa de saír máis acelerado do previsto (coma sempre, saíu un bo pelotón a fume de carozo que non tardou en pinchar nos primeiros quilómetros, ou metros nalgún caso), e decidín meter a marcha de 3'55"-4'00"/km desde o comezo, sabendo que podía aguantala durante 12 km. Deste xeito, corrín con moita concentración, cabeciña e forzas, e durante toda a carreira fun dando caza a varios corredores que tiña á vista. Encantoume o percorrido: en levísima baixada, por asfalto e pistas de terra, con moita sombra, fermosas vistas ao río e co encanto de atravesar túneles.
No derradeiro quilómetro tiña á vista un par de corredores aos que xa non contaba con alcanzar, e, para máis inri, tras chegar ao km 12 agardaban 600 metros de propina, cunha costiña no centro da vila que me fixo camiñar uns metriños despois do esforzo. Por sorte, recuperei os folgos para chegar á meta en 7.ª posición, 5.º na categoría sénior, que, ao ser trofeos non acumulativos, me deixou en 2.ª posición por categoría. Un final de carreira moi satisfactorio, acompañado por unha boa ducha, bolos preñados e empanada á esgalla. Iso si, logo tocou unha longa viaxe de volta de case dúas horas e media para durmir na Baña...
Distancia: 12,6km | Desnivel: 14m | Tempo: 49' 30" | Ritmo: 3' 56" / km | Posición: 7º clasificado xeral (2º Categoría Senior)
------
Domingo 20 de setembro de 2026 - Carreira Entre Pontes
A ILLA DE AROUSA (Concello nº 10) e
VILANOVA DE AROUSA (Concello nº 198)
...e tocou espertar sobre as sete e media e volver á faena. Desde A Baña collín o coche e, sen tempo para moito descanso, a seguinte parada sería a Illa de Arousa, para tomar a saída da primeira edición da carreira Entre Pontes, organizada pola Deputación de Pontevedra. Unha iniciativa fantástica que me permitiría sumar no mapa o concello de Vilanova de Arousa, xa que este 10K une estes dous concellos.
O clima era espectacular desde o comezo do día. Pintaba un día de sol, pero ás nove da mañá aínda non apertaba moito a calor. Cheguei con tempo para deixar o coche no aparcamento da praia do Vao, recoller o dorsal, a camiseta e a bolsa de obsequio, e comprobei que fixera ben, xa que despois se formou unha cola impresionante á hora de recoller os dorsais. 500 participantes que esgotamos as inscricións gratuítas nos primeiros días.
Tiven un inesperado reencontro con tres vellos coñecidos da miña época na liga de orientación: Julio, Nuria e Alejandro. Estiven conversando con eles e comentando a xogada. Sabía que tirar moi forte nesta 10K, despois de non deixar pasar nin 24 horas entre a carreira anterior e tendo a semana seguinte o maratón de Berlín, non era a mellor idea, así que era mellor baixar un pouco o ritmo. Anulei o meu modo competitivo e ofrecinlle a Julio ir de lebre no seu intento de mellorar a súa marca de 42 minutos nos 10K, se ambos tiñamos forzas suficientes.
O problema foi saír desde atrás de todo, xa que o tramo inicial da carreira eran os 2 km da ponte da Illa de Arousa con Vilanova, e formouse un pelotón espectacular no que era imposible decidir o teu ritmo se non estabas na parte dianteira. O feito de ter só un carril dispoñible, xa que o outro estaba aberto ao tráfico, non facilitaba os adiantamentos, polo que sabiamos que non sería o día para facer marca.
O percorrido tiña tramos moi bonitos, pero, ao mesmo tempo, decatámonos de que non permitía moita velocidade, xa que nalgún punto había repeitos e durante moitos tramos a superficie para correr era area de praia, e non precisamente compacta. Con todo, disfrutei moito de correr con compañía e sen presión de marca, e, tras un sprint final na ponte de Vilanova de Arousa cara á estación marítima, completamos os 9,6 km finais en pouco máis de 44 minutos.
Ao finalizar a proba, tiñamos uns vales para canxear nun food truck, e rillamos unha pequena e riquísima hamburguesa de porco con queixo do país e un anaco de tarta de queixo de sobremesa. Despois de poñerme ao día cos meus compañeiros de carreira, enfilamos cara ao bus e cada un arrancou cara ao seu respectivo lugar de orixe para aproveitar o que quedaba de domingo.
Cómputo total desta fin de semana: 3 concellos novos (A Pontenova, Trabada, Vilanova de Arousa), 1 concello repetido (A Illa de Arousa, que xa correra o seu Carreirón en 2018) e, de reintegro, 1 concello asturiano (San Tirso de Abres). Unha colleita excelente, acompañada por podio e un bonito reencontro.
Veñen dúas semanas de parón na suma de concellos (pero por diante está a maratón de Berlín) e, nas pequenas metas, estou xa a 1 concello (O Rosal) de ter visitados todos os costeiros de Galicia, a 2 concellos de acadar o número 200 e a 9 de ter todos os concellos da provincia coruñesa.
Distancia: 9,6km | Desnivel: 28m | Tempo: 44' 06" | Ritmo: 4' 33" / km | Posición: 68º clasificado xeral
313 concellos por (per)correr - instagram.com/correndogalicia