Mar, 13 Out 2026, 16:21
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos
Tras pasar o maratón de Berlín e concluir o seu adestramento, a seguinte pantalla estaba ben clara: sumar 200 concellos canto antes. Despois de reconfigurar a axenda nas últimas semanas e ter máis claro o calendario, o fin de semana do 10-11 de outubro, co binomio Carreira Popular de Xermade - Ultra Trail Ribeira Sacra en Nogueira de Ramuín, sería o escenario elixido para acadar esta cifra redonda.
Inda que tiña fondo suficiente, por completar unha maratón de asfalto en pouco máis de tres horas, necesitaba algo de rodaxe de monte para acostumar as pernas ós cambios de terreo e desnivel. Decidín adestrar o mércores festivo local polos camiños dos montes de Novo Mesoiro levando o track no Garmin, e o que semellaba unha gran idea en teoría, resultou desastrosa na práctica.
Unha parte importante dos camiños estaban tapados por toxos e silvas, sen moita marxe a variar o percorrido. Entre ter que correr concentrado para non perderme, atravesando zonas tupidas e buscando alternativas, acabei reventado tras 16 km de monte en dúas horas. Volvín a casa en bus, onde me atopaba destemplado e deshidratado, e tras pegarme unha ducha, metínme na cama o mediodía con febre e cansanzo. Tocaba moito repouso e rezar para chegar con folgos ó fin de semana...
Sábado 10 de outubro de 2026 - Carreira Popular de Xermade
XERMADE (Concello nº 199)
Noutras circunstancias, a carreira de Xermade era o formato perfecto para ir a fume de carozo e apuntar ó podio: carreira popular con pouquiño desnivel, case todo asfalto e distancia de 6,5 km. Sen estar aínda o 100% (e menos mal que remontara bastante desde o mércores), tendo en case 12 horas un ultra trail con máis de 3000 metros de desnivel por diante, non tiña sentido queimarse.
Tras saudar a David e Nia, clásicos da zona, e quentar un pouco, situeime na zona de atrás na saída coa intención de non buscar a gloria para conservar enerxía para o día seguinte. Deron o comezo e aguantei a tentación de tirar forte de inicio, pero inda así estaba nun ritmo de 4'30"/km. Ían pasando os quilómetros, notábame ben e non puiden resistir ir en progresión ó atoparme con outros participantes que estaban aguantado o ritmo cun chisco máis de esforzo.
Chegaban os últimos quilómetros e vendo que a distancia a completar non ían ser os 6,5km anunciados no cartel, fun acelerando para ter un ritmo de sub4min o quilómetro por se acaso se daba a carambola de tocar podio por premios non acumulativos.
Crucei a meta e tras agardar media horiña polos resultados (tratouse dunha cronometraxe e clasificación anotada a man, sen uso de chip), comprobei que non estaba entre os 3 primeiros da categoría de Máster A. Algo bastante lóxico, pero como nos últimos tempos tiven sempre lotería de conseguir podios sen moito merecemento e varios 4º postos de bastante mérito, todo podía ser.
Marchei sen saber a miña clasificación final (e escribindo esta crónica, acabo de confirmar que quedara 4º de categoría, era visto), collín o coche cara Ourense, dúas horiñas de viaxe, para cear un tupper de pasta, e descansar o máximo posible antes da tremenda aventura do domingo.
Distancia: 5,6km | Desnivel: 48m | Tempo: 23' 57" | Ritmo: 4' 19" / km | Posición: 30º clasificado xeral (4º Categoría Senior)
------
Domingo 11 de outubro de 2026 - Trail Ribeira Sacra
NOGUEIRA DE RAMUÍN (Concello nº 200)
Espertei as 6 da mañá, almorcei café con leite, plátano, cruasán e un vaso de auga con vitamina C. Espinme, aplique vaselina en zonas delicadas para evitar rozaduras e vestinme coa indumentaria runner: pantalóns curtos, manguiños para o frío, medias de compresión, camiseta co logo do reto e unha braga o pescozo. Metín todo o necesario na mochila: un bastón, barriñas, xel, manta térmica, frontal, softleks e unha botella de plástico. Non estaba no meu mellor momento de forma, pero sí que me atopaba moi, moi enteiro para tal como viña do mércores.
Saín polo portal, cruceime con tres rapazas que estaban volvendo de festa e tras conducir un rato, a Garda Civil paroume nunha rotonda, informando que estaban facendo controis de alcoholemia. Ó verme as pintas, preguntoume se ía a unha carreira e confirmei que sí. Vendo que non era o primeiro que lle respondía o mesmo e non estaba perxudicado (polo menos de alcohol), non foi necesario facer ningún control. Cheguei cunha hora de antelación a Luíntra, polo que puiden deixar o coche nun punto perfecto para facer de gardarroupa, xa que despois comezou a encherse bastante máis.
Recollín un piazo mochilón de agasallos e o dorsal nº200. Así como cando cheguei ós 100 concellos en Viveiro, falei coa organización, expliquei o meu reto e foron xente marabillosa por cumplir o capricho dun señor friki. Xa imaxinaba o momento de cruzar a meta, pero inda quedaban por diante 48 km e máis de 3300 metros de desnivel positivo. Só sei que como máximo a aventura duraría once horas, o tempo de corte, pero salvo catástrofe absoluta, ía ir con todo para conseguilo.
Tras pasar o control de material, estaba xa listo entre a multitude de 500 participantes para a saída na escuridade das 8 da mañá. Deron comezo e desde os primeirísimos momentos fun con moita calma, porque nin de broma era un trail para emocionarse. Aconteceu o mesmo que vivín no Backyard de Castro Caldelas: un embudo bastante importante, e durante os primeiros 3 quilómetros vivín unha auténtica procesión de corredores. Unha mágoa por tratarse dun tramo bastante rápido no que se podía rabuñar minutos por se facían falta o final do trail.
O que máis lembro dos compases iniciais era a dureza do terreo, tanto en subidas como en baixadas. Non foi ata o quilómetro 7 cando aparecen tres quilómetros de pisteo onde correr algo. E despois: subidas, baixadas, subidas, baixadas. Mestúranse recordos de momentos onde tiven que botar mans ás pedras para certas subidas e baixadas onte tocaba arrastrar o cu no chan para sobrevivir. E algúns momentos de tapón onde me agobiaba bastante, máis nos momentos nos que ralentizaba os de detrás que nos momentos nos que eu era o ralentizado.
Houbo un momento onde cambiou o tono da carreira, e foi no que me 'acoplei' a unha parella de corredores: Álex do Brutanzos e Nuria, no que ela debutaba coma min nesta carreira. Grazas a eles, a súa compañía, experiencia e consellos cambiou completamente a enerxía coa que ía na carreira. Tamén axudaba que se trataba do quilómetro 28 aproximadamente, onde o percorrido máis técnico quedaba atrás, e "soamente" tiñamos que sufrir a subida desde o embarcadoiro de Santo Estevo ata o miradoiro do Pé do Home.
Deste xeito, ó que o principio da carreira era toda unha incógnita saber se chegaría ó final, abafado pola humidade, polas dúbidas e pola desconfianza, foron uns últimos quilómetros onde tiña forzas de sobra para meter trotes e sprints puntuais dependendo do terreo. Chegamos xuntos ata o derradeiro quilómetro, onde cada un de nós nos separamos para vivir en soidade a nosa chegada a meta: Álex da man da súa moza, Nuria entre bágoas de emoción e eu, cun inmenso alivio de cruzar a meta e sumar 200 concellos conquistados a golpe de dorsal.
Despois de pedir
unha foto na meta para inmortalizar o momento a un fotógrafo co meu móbil, fun cara a ducha, despois a zona postcarreira a disfrutar de todo o incluido co dorsal (unha ración de polbo, barra libre de empanada, queixo e cervexa), collín o coche rumbo para Ourense e descansar de novo, coa fortuna de ter un festivo ó día seguinte.
Distancia: 47,3km | Desnivel: 3.350m | Tempo: 9h 25' 21" | Ritmo: 11' 46" / km | Posición: 222º clasificado xeral
------
Chegada a esta cifra redonda de 200 concellos, creo que vou parar de escribir no meu diario por unha tempada. Xa me leva traballiño todo o relacionado co reto (estar ó día do calendario de carreiras e andainas, cadrar axenda, a loxística dos desprazamentos, as carreiras en sí mesmas, os meus rituais de documentación posterior, crear e publicar a ficha en Instagram...), necesito que este reto me deixe de consumir tanto e tanto tempo. Voltarei nalgunha ocasión para comentar algunha carreira puntualmente cando considere (e por suposto, no foro entrarei para informarme de carreiras e como lles vai os foreiros cos diarios activos).
O tempo dirá se algunha vez poderei chegar ó concello nº300 e canto tempo me pode levar. Polo de agora, gracias ós que dedicastes tempo a ler este diario e moitísimas gracias os que chegastes a comentar ata o de agora (Meigalicix, Rufino, Yomismo, Freakyrunning, OrEK).
Un pracer ler os vosos diarios coas vosas reflexións, adestramentos e motivacións, unha inspiración para seguir adiante, incluso cando ás veces resulta difícil explicar o por qué.
Saúde e quilómetros!
313 concellos por (per)correr - instagram.com/correndogalicia