Ven, 04 Set 2026, 11:26
Asunto: CARREIRA POPULAR FESTA DO MARISCO O GROVE - 27/09/26
Xa temos no forno unha nova edición da carreira Festa do Marisco de O Grove que este ano se celebra o domingo 27 de setembro ás 10:00 h. Aquí tedes o REGULAMENTO:
- ORGANIZAN: Concello do Grove e C.D. Ría de Arousa.
- DATA DE CELEBRACIÓN: domingo 27 de setembro de 2026. A carreira absoluta (10 km) comezará ás 10:00 h. As carreiras de menores sobre as 11:30 h. aprox. (ao remate da carreira absoluta).
- INSCRICIÓNS: Para todas as categorías as inscricións realizaranse a través da páxina
www.carreirasgalegas.com dende o 30 de xullo ata o mércores 23 de setembro ás 23:59 h. A categoría absoluta terá un prezo de 8 euros con dereito a “bolsa do corredor” se se fai a inscrición antes do domingo 13 de setembro ás 23.59 h. A partir desta data e ata o 23 de setembro o custo será de 12 euros.
- RECOLLIDA DE DORSAIS: sábado 26 de setembro de 16:00 a 18:00 h. na Sala das Cunchas, na planta baixa do edificio do Concello de O Grove, ou o propio domingo 27 na zona de saída entre 8:00 e 9:30 h. Os dorsais das carreiras de menores poderanse recoller ata as 11:30 h.
- SAÍDA e META DA PROBA: Parque de Confín (no Paseo Marítimo de Beiramar).
- CARACTERÍSTICAS DO CIRCUÍTO: O percorrido será mixto, comezando sobre asfalto, continuando por terra (no Monte da Illa da Toxa), saíndo de novo ó asfalto, seguindo polo céspede do campo de Golf A Toxa e rematando en asfalto novamente ata a liña de meta.
Haberá duchas ao servizo dos corredores no Pavillón Naútico Tono Campos e no Pavillón dos Deportes de Monte da Vila ao finalizar a carreira.
-AVITUALLAMENTO: Haberá avituallamento tanto na metade do percorrido como na zona de meta.
- CATEGORÍAS E DISTANCIAS establecidas pola organización:
PITUFOS: nados en 2020, 2021, 2022 ou posteriores
250 m. aprox.
PREBENXAMÍN: nados no 2019
500 m.
BENXAMÍN (sub 10): nados no 2017 e 2018
500 m.
ALEVÍN (sub 12): nados no 2015 e 2016
1000 m.
INFANTIL (sub 14): nados no 2013 e 2014
1000 m.
CADETE (sub 16): nados no 2011 e 2012
1500 m.
XUVENIL (sub 18): nados no 2009 e 2010
1500 m.
SUB 20- SUB 23 e SENIOR (na mesma categoría): de 2008 ata os 34 anos cumpridos o día da proba
10.000 m.
MASTER A: de 35 a 44 anos cumpridos o día da proba
10.000 m.
MASTER B: de 45 a 54 anos cumpridos o día da proba
10.000 m.
MASTER C: de 55 a 64 anos cumpridos o día da proba
10.000 m.
MASTER D: a partir de 65 anos cumpridos o día da proba
10.000 m.
- PREMIOS:
- A ceremonia de entrega de premios terá lugar na zona de meta a continuación das carreiras de menores.
-Recibirán trofeo os 3 primeiros clasificados de cada categoría (masculina e feminina) a partir de benxamíns. En todas as categorías de menores, ata sub 18, haberá medalla para tod@s @s participantes.
- Os tres primeiros clasificados da xeral na categoría absoluta (10.000 m), tanto masculina como feminina recibirán un trofeo e os seguintes premios en metálico, ademais dun bono de consumición para a “Festa do Marisco”:
1º: 350€
2º: 250€
3º: 150€
- Haberá que presentar o DNI para o cobro dos premios en metálico.
- Os primeiros atletas masculino e feminino locais recibirán un trofeo e un bono de consumición para a “Festa do Marisco”.
- A organización reservase a posibilidade de poder agasallar ós primeiros clasificados das diferentes categorías con mais premios que se poidan conseguir de patrocinadores e colaboradores.
-A organización resérvase o dereito a realizar as modificacións que considere necesarias en función de diferentes condicionantes, así como a suspensión da proba se as condicións meteorolóxicas o obrigan ou por forza maior.
-Durante a proba poderá haber fotógrafos tanto da organización como do público, polo que se acepta por parte do participante que se poderán reproducir imaxes ou vídeos en diferentes redes sociais, soportes publicitarios ou medios de comunicación.
-Calquera comunicación posterior á publicación deste regulamento farase a través do Facebook do Club Deportivo Ría de Arousa de O Grove.
-A inscripción na proba implica a aceptación deste regulamento.
O Grove, xullo de 2026