Dom, 02 Ago 2026, 19:14
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos
Sábado 1 de agosto de 2026 - Carreira do Xamón
A CANIZA (Concello nº 192)
O sábado pola mañá arranquei da Baña cara A Caniza, primeira vez que visitaba este concello. Recollín o dorsal na zona da saída e xa que contaba con algo de tempo, aproveitei para tomar un café nun bar do lugar. Nesta ocasión, tratábase da primeira da edición da Carreira do Xamón, unha proba da que non tiñamos máis información que a que ofrecía o regulamento:
"DISTANCIA 14 KM, todo el recorrido está señalizado con cinta, en algunos de los cruces dispondremos de voluntarios. El 80% del recorrido es por senderos y pistas de tierra, dificultad técnica baja. AVITUALLAMIENTO LIQUIDO EN EL KM 5 Y 10 APROX"
Con estes datos, a miña opción foi a de calzar zapatillas de trail por se acaso, e agardando non ter que sufrir moito desnivel. Na saída non chegabamos o centenar de participantes, pero era o esperable ó tratarse da primeira edición dunha carreira (e mais no primeiro sábado de agosto), na que saudei a David Pino e tamén a Lucas, camaradas doutras batallas. Tras dar a saída, comezou unha baixada frenética por asfalto ata chegar á zona de pistas de terra.
A miña intención era a de dar todo o que tiña e intentar aguantar a trote nas subidas sen poñerme a camiñar. Inda así, quedei bastante descolgado da cabeza de carreira desde os primeiros metros, que claramente xogaba a outro nivel, pero eu con todo estaba a aguantar bastante o tipo. Nas primeiras costas baixei velocidade pero mantendo o trote, e coas zonas de pedra, raíces das árbores e de lama, certifiquei que a miña decisión de calzado era a axeitada.
A partir do quilómetro 8, non puiden resistir a tentación de camiñar nas subidas máis empinadas, e inda así conservaba certa distancia co meu perseguidor. Tralo segundo e derradeiro avituallamento, cheguei a un cruce onde non tiña nin idea se tirar polo asfalto ou polo monte, sen ningunha indicación nese punto crítico. Por sorte, o corredor que viña detrás de min levaba un track da proba por coñecer a xente involucrada na organización, e indicoume que o camiño a seguir era o asfalto.
Así foi que nesta parte da carreira chegamos a compartir ritmo sen rivalidade, xa que eu estaba agradecido de que salvara a miña carreira e por momentos íamos purrando o un do outro. Chegamos os metros finais cruzando a meta ó mesmo tempo (e ata no mesmo segundo da cronometraxe) e cal foi a sorpresa, completamente inesperada, que nos avisaron que rematáramos segundo e terceiro da carreira.
Que sucedera? Pois o que pode pasar na primeira edición dunha carreira: calquer cousa. Resulta que nun cruce, un voluntario non indicou correctamente á cabeza de carreira por onde tiña que ir, e ese grupiño chegou a meta completando unha distancia de 6 quilómetros en lugar dos 14 orixinais. Igual o xusto era cancelar o podio, pero dadas as circunstancias, que tiñan trofeos a repartir e que ninguén dos afectados reclamou nada, polo que así cheguei a ter de rebote unha copiña de 3º de clasificado.
Iso sí: todos recibimos un bo bocata de xamón nada máis rematar a carreira, e ben que nos prestou a todos.
Distancia: 14,9k | Desnivel: 288 m | Tempo: 1h 11' 52" | Ritmo: 4' 51" /km | Posición: 3º absoluto
-----------------------------------
Domingo 2 de agosto de 2026 - Andaina de Bande
BANDE (Concello nº 193)
Tras facer noite en Ourense, a mañá do domingo tocou sumar quilómetros e concello en Bande, na distancia longa da súa andaina. Polo visto, no pasado existía un trail neste concello, pero nos últimos anos non chegou a celebrarse e só tivo continuidade a andaina. Visto o visto, non había problema en completala correndo, polo que sería un excelente adestramento por monte, despois da aventura do día anterior.
Das cousas boas deste reto é ir coñecendo xente fantástico polos concellos, como é o caso de Xurxo, un dos organizadores da andaina de Bande, e que tamén estaba detrás da organización da de Lobios. Ademais de facer un traballo espectacular no deseño e sinalización do percorrido, en todo momento está preocupado para que a ninguén lle falte de nada, sendo todo facilidades.
Antes de dar a saída, Xurxo comentoume que outro participante tiña pensado facela correndo, e deste modo fun con César durante os 16 quilómetros desta andaina, comentando un pouco aventuras pasadas e futuras. O percorrido tivo de todo, e inda que no dorsal poñía que se trataba dunha andaina, tiña claramente un forte espíritu de trail, con cambios de desnivel constantes, "obstáculos" naturais e demais, que resultaban moi entretidos correndo, pero tiña as miñas dúbidas que opinarían os andaríns con menos experiencia.
O momentazo desta andaina (sentindoo moitísimo polas protagonistas) foi que topamos cunhas vacas que estaban polo percorrido, e en canto nos viron a César e a min dando zapatilla, vivimos unha especie de "encierro de San Fermín" á inversa, na que as pobres vacas fuxían da nosa presenza sen apartarse do camiño. Menos mal que chegou un momento no que xa liscamos da zona e elas volverían estar tranquilas.
Chegados á meta, comprobamos que houbera outro corredor que nos sacara bastante distancia nesta andaina, e un cuarto en discordia que chegou só uns minutiños detrás de nós. Nótase que inda que o formato da andaina é moito máis asequible para a veciñanza dun concello, sempre haberá quen lle tire máis a velocidade.
Aproveitei o servizo de duchas do pavillón, e por insistencia de Xurxo, nesta ocasión quedei na comida inda sen ter compañía, a diferenza de Lobios, e a verdade que foi un picoteo espectacular: tortilla, empanada, choripán, tequeños, croquetas, embutidos, queixo... E ata xeados de cucurucho de postre. Unha xornada fantástica, cun clima estupendo para trotar por un percorrido de monte con moita sombra.
Agora toca un parón de dúas semanas nas que me perderei concellos que celebran carreiras (Meira, Baños de Molgas, Cualedro, Cartelle...), pero é o que ten este reto, que require de moita paciencia e fe, confiando en que o ano que ven repitan edición carreiras ás que non podes asistir!
Distancia: 16,7k | Desnivel: 395 m | Tempo: 1h 54' 05" | Ritmo: 6' 42" /km | Posición: 3º (non competitiva)
313 concellos por (per)correr - instagram.com/correndogalicia