Lun, 25 Mai 2026, 19:50
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos
Sábado 23 de maio de 2026 - Spain Backyard Ultra
CASTRO CALDELAS (Concello nº 175)
Seguramente, e con poucas dúbidas, este fin de semana foi o máis sacrificado a todos os niveis (no físico, no mental e no económico), pero ás veces hai que tirar de determinación e convecimento para que este desafío non decaia.
Cando comezou o 2026, tiña dúas datas en mente: a Ultreia no mes de abril e a Backyard Ultra de Castro Caldelas en maio. Dous desafíos diferentes, co denominador común de ser de distancias longas (a Ultreia de 50km e a Backyard... o que aguanten as pernas). Vira no seu día o documental de Netflix "The Barkley Marathons", unha carreira tolísima en USA dunha dureza extrema. O seu artífice, Lazarus Lake, está case tan tolo como os participantes das súas probas, xa que polo menos non as ten que sufrir nas súas carnes.
Entre os distintos tipos de carreira que saíron desta mente, atópase as "Backyard" unha proba de resistencia baseada no formato “Last One Standing”, na que os participantes deben completar unha volta de 6,706 km cada hora ata que só quede unha persoa en carreira. Cada hora en punto dan un saída, e tes que presentarte na saída un minuto antes ou quedas fóra. E cando queda só un participante, ten que completar a volta para darse por gañador. Prácticamente só queda un, o resto de corredores que non cheguen son considerados abandonos.
Este formato de carreira foise popularizando por todo o mundo, e en Galicia somos afortunados de contar cunha backyard grazas a Luís Rodríguez, Manuel Rolán e ó Concello de Castro Caldelas. Iso sí, a adaptación galega non é precisamente un xardín de rosas: cada unha das voltas ten lugar polo monte, acumulando máis de 200 metros de desnivel en apenas eses 7 quilómetros, cunha subida en diagonal bastante inesquecible.
No meu caso, tendo un calendario complicadísimo (no que inda por riba vou sumando a preparación dalgún maratón), este ano non tiña problemas de axenda para participar. Tampouco estou no mellor momento nin o adestrei específicamente, pero sí que me atopo mellor que hai uns meses e estaba preparado para dar guerra. Cal foi o meu problema a medida que pasaban as semanas? Que o Dépor tiña o primeiro match ball para ascender a Primeira, e non era cuestión de chegar moi mallado na viaxe de volta en coche.
Estaba con moitas, moitísimas dúbidas de cómo facer para durmir. Quería aforrar aproveitando o piso dunha familiar en Ourense, e se cadra durmir no coche cando fora que acabara a carreira. Tralos sabios consellos dunha amiga, que insistiu sobre todo en ter un bo descanso en xeral para non ter sustos na estrada, rañei o peto e conseguín a última semana unha habitación en Castro Caldelas. E menos mal: incluso sen durmir perfectamente, creo que sería moi distinto tanto comezar a carreira como o día seguinte ó volante.
Cando cheguei ó castelo de Castro Caldelas para recoller o dorsal o día antes da proba, sorprendeume o "campamento base": cadeiras proporcionadas pola organización onde deixar as bolsas (para cambiarse as mudas, levar a túa propia comida) e despois grupiños de xente que levaba xa as súas propias mesas e cadeiras como se fora un picnic. Collín un sitio para Jorge, un amigo da Rúa de Valdeorras, e para min, para estar xuntos, e tras coller o meu número e a bica de agasallo, fun o hotel a descansar.
A mañá da carreira cadrei con Emilio, un runner vigués que conta cun perfil en Instagram onde vai comentando as súas aventuras, e xuntouse co meu colega Jorge e comigo para establecer "a nosa base". Os tres eramos debutantes neste formato, e tiñamos as mesmas dúbidas e inquietudes sobre cómo sería a nosa evolución, os nosos folgas e cal sería a mellor estratexia de carreira. Cadrei con máis coñecidos das carreiras, e como non podía ser doutro xeito, fun coñecendo xente nova. Neste caso, Álex de Outeiro de Rei, un corredor que xa tiña unha experiencia anterior de dez voltas e que co paso das horas, sería o mellor aliado para chegar lonxe.
Durante a primeira volta, escoitamos a voz da experiencia e fomos a un ritmo relaxado. Correndo nas baixadas, trotando nas zonas chanciñas e camiñando en cada subida (ou amago de). Iso sí, a aglomeración dos case 200 participantes notouse na primeira volta, e inda que non estabamos no medio, sí que notamos como estaba o ritmo ralentizado nas subidas máis estreitas. A primeira volta acabamos cunha marxe de sete minutos. E esta pequena pausa pasaba voando!
A medida que se sucederon as voltas, quedoume claro que había que buscar un equilibrio entre un ritmo esixente e tempo para recuperarse. A organización desta proba é estupenda, e moi ben xestionado o tema dos avituallamentos: todos eles no castelo, durante as dúas primeiras voltas tiñas que autoabastecerte, na terceira comezaba o avituallamento líquido e na cuarta xa o sólido que iba mellorando co paso das voltas: de froita e gominolas, a pasar a pasta con atún, paella, tortilla, xamón...
Podería estenderme moito moitísimo sobre todo o vivido nesta carreira inesquecible, o resumo foi que nas primeiras cinco voltas fun acompañado polo meu amigo Jorge, na sexta decidín subir un pouco máis o ritmo (cheguei a contar con 19 minutos de descanso) e despois enganchei con Álex, indo os dous a un ritmo no que nos atopabamos os dous moi cómodos (inda que no tramo final de asfalto chanciño, eu metía o turbo para rañar un par de minutos máis no Castelo). Cando na volta 12 xa tivemos que sacar o frontal e chegaba a oscuridade, decidín que era o momento dunha retirada sabia, xa que tiña medo de tropezar debido á oscuridade, o cansanzo acumulado e a choiva que comezaba a asomar por momentos.
Así foi a secuencia de tempos das miñas 12 voltas no Backyard 2026: Loop 1 (53'47") - Loop 2 (52' 34") - Loop 3 (51' 01") - Loop 4 (52' 13") - Loop 5 (51' 05") - Loop 6 (48' 31") - Loop 7 (50' 01") - Loop 8 (52' 02") - Loop 9 (48' 31") - Loop 10 (41' 08") - Loop 11 (51' 03") - Loop 12 (51' 25").
Sei que tiña folgos para unha volta máis (e Alex estivo ata o último momento intentando convencerme), pero tiña moito máis que perder que gañar. Fantasei con chegar ata a volta 15 e acadar os 100 km, pero hai que saber parar (dentro do que cabe)...
Distancia: 80km | Desnivel: 3.041 m | Tempo: 12h 51' 25" | Ritmo: 7' 36" /km | Posición: Retirado
-------
Domingo 24 de maio de 2026 - Carreira Popular Xinzo de Limia
XINZO DE LIMIA (Concello nº 176)
...porque ademais, espertándome enteiro o domingo pola mañá, planteime en Xinzo de Limia para correr 4 km na súa carreira popular e facer un check nunha provincia que me queda demasiado lonxe de Coruña. Un pracer saudar a Alonso (co que cadrara na maratón de Coruña de 2018) e a coñecidos de Limiactiva nos anos que competira na liga galega de orientación.
E non sei se vos enterastes, pero o domingo houbo certa celebración en Coruña que case se me fixo como unha segunda Backyard, da que vou necesitar un par de días para recuperarme... Dous concellos máis, dous concellos menos!
Distancia: 4k | Desnivel: 7 m | Tempo: 19' 29" | Ritmo: 4' 32" /km | Posición: non publicado na web
313 concellos por (per)correr - instagram.com/correndogalicia