Foros ›
Diario de Pepemanba e os 313 concellos
Foros de debate / Diarios de adestramento
Respostar ao tema

Autor
Mensaxe
Pepemanba

Foreiro infantil
Foreiro infantil
13/05/16
150 Carreiras
97 Mensaxes

Respostar citando Envío Dom, 10 Mai 2026, 13:20
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos

Meigalicix escribió:
Xustamente escoitei falar estes días por vez primeira da Pontevedrada. Unhas mozas de aquí do barrio, raparigas de 15 anos estaban apuntadas. Laiábanse de que nunca son capaces de rematar e como moito chegan ata Caldas, pero só intentalo, e ademais por tan boa causa paréceme impresionante.

Así que parabéns polo reto conseguido e os 3 novos " cromos no álbum".

Graciñas Meigalicix! Completar 65 km nun mesmo día non é para nada doado sexa ó ritmo que sexa, e sobre todo de noite... Ó final, facer tres etapas do Camiño de Santiago do tirón necesita unha boa preparación, e en calquera caso todo o que se lance a afrontar este reto (mentres non supoña un risco pola súa condición física) ten moito mérito, chegue a onde chegue.
-----

Sábado 2 de maio de 2026 - Trail Orixes de Mondariz
MONDARIZ (Concello nº 171), FORNELOS DE MONTES (Concello nº 172), COVELO (Concello nº 173)

Estou escribindo neste diario unha semana despois do vivido en Mondariz o sábado pasado. Unha vez máis, xuntáronse demasiadas cousas na axenda social, e visto ó visto, teño que agradecer estar bastante enteiro coa tralla acumulada nas últimas semanas...

O venres pasado cadrou en festivo, e o xoves aproveitei para ir ata á Baña e cumprir cos compromisos familiares. Ese mesmo venres, volvín a Coruña ó mediodía para vivir e sufrir unha agónica victoria deportivista en Riazor, con case 20 minutos de desconto na segunda parte. Unha circunstancia coa que non contaba e dificultaba a outra parte do plan: chegar a Mondariz pola noite para durmir de hotel o día antes do 42k do Trail Orixes. Foi saír do estadio, pillar algo de comer, conducir dúas horas, chegar ó hotel sobre as once da noite e rillar un kebap morno na habitación de hotel.

O sábado pola mañá erguínme sobre as sete, co tempo xusto para almorzar e aparcar (por sorte, sen ningunha dificultade) preto da saída do maratón de monte. Recollín o dorsal, deixei a bolsa do corredor no coche e trala revisión do material, comezaba unha nova aventura. Previamente tiña pensado apuntarme na distancia 9k, porque quería evitar lesións e o monte non se me da moi alá... Sen embargo, comprobando que a distancia 42k era a mínima para pasar polo máximo número de concellos posibles (Mondariz, Fornelos de Montes e Covelo), non quería desaproveitar esta oportunidade.

Comecei os primeiros quilómetros con cabeza fría (dentro das miñas quentadas deste reto e deste fin de semana en concreto), xa que non tiña intención en absoluto de competir ó máximo, simplemente abondaba con chegar á meta antes do tempo de corte e sen mancarme. Fun mantendo o ritmo dun xeito bastante razonable, nas subidas aguantando o tirón, apretando nas zonas chanciñas... e entregando as armas nas baixadas. Son un 'cagado' nas baixadas de monte, pero neste trail en concreto, só tendo unha zona bastante técnica, notei como me adiantaba todo o mundo, estando na zona media dos participantes.

As lembranzas que me quedarán destes 42k a semana vista, foi que sen ser un trail complicadísimo, sí que me parece esixente e merece o debido respecto para completalo. A subida do km 30 ten tanta dureza física como mental para coroar o cume, e tamén unha subidiña a uns 3-4 quilómetros da meta que pode acabar por reventarche. Iso sí, organización excelente: balizado impecable do percorrido, avituallamentos, fotógrafos para unhas instantáneas inesquecibles, voluntarios en puntos delicados...; chapeau.

Durante eses cuarenta e dous quilómetros tiven algún que outro tropezo, sen chegar a traxedia, e tras cruzar a meta sentín a liberación de rematar a aventura san e salvo. Tras unha breve ducha (pola frescura da auga) tocou disfrutar duns merecidos callos e unha cervexa, saudando a moitos coñecidos de anteriores carreiras: Miky (da pedestre de Muxía), Andrea (do trail de Quiroga), Montse (da Heroica Ribeira Sacra), Carmen (da marcha Ultreia), o campionísimo José Santiago (da popular de Cariño)... Ten moito encanto ir coñecendo ós poucos a tanta xente boa do mundo das populares e do trails, coa que te acabas reencontrando polo camiño.

Sumados tres concellos máis, ese mesmo sábado collín o coche de volta a Coruña, para quedar cunha parella de amigos coa que o día seguinte ía embarcarme de vacacións por unha rutiña de 360 km en bicicleta pola beira do Danubio... pero iso xa é outra historia. E agora de volta, toca darme uns días de descanso para recuperarme de tanta tralla. Polo de agora non asoma ningunha carreira en concellos inéditos no fin de semana do 16-17 de maio, pero tocará estar atento... e se non, Castro Caldelas agarda para o sábado 23.

Distancia: 42k | Desnivel: 2.183 m | Tempo: 6h 14' 23" | Ritmo: 8' 55" /km | Posición: 41º

313 concellos por (per)correr - instagram.com/correndogalicia
Pepemanba

Foreiro infantil
Foreiro infantil
13/05/16
150 Carreiras
97 Mensaxes

Respostar citando Envío Dom, 17 Mai 2026, 9:38
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos

Sábado 16 de maio de 2026 - Cross da Festa do Deporte de Vincios
GONDOMAR (Concello nº 174)

Hai algo especialmente emocionante en acompañar a alguén na súa primeira carreira popular. Máis aínda cando esa persoa chega á saída cunha mestura de ilusión, nervios e cero expectativas competitivas. Desta vez tocou acompañar á miña amiga Patru no seu debut absoluto como corredora popular, nun cross de 3 quilómetros celebrado no campo da Pasaxe, en Vincios. Tamén veu o seu mozo, facendo labores de apoio moral e loxística, e na grada estaban dúas amigas dela animando coma se aquilo fose o Campionato Galego absoluto.

Patru e Ser viñeranme saúdar nas carreiras de Cangas e na de Moaña, e Patru comprometerase a correr comigo cando tivera pensado tachar a carreira de Gondomar. O único que localizara por Google é un cross que tiña lugar en Vincios a mediados de maio, e que o anuncian cunha semana de antelación. Así foi, e para a miña alegría, Patru aceptou o desafío, sen tempo nin tan sequera a adestrar un pouco. Para recompensar o seu compromiso, encargueime de estampar unha segunda camiseta co logo que teño de Correndo Galicia, por formar parte deste desafío tan tolo

O ambiente era moi familiar desde antes de comezar. Quentamos polos arredores do campo de fútbol, facendo unhas voltas suaves e movendo as pernas mentres Patru ía verbalizando os seus medos. O feito de que o percorrido fose íntegro dentro do propio campo poñíaa bastante nerviosa: iso de estar sempre á vista do público e dando voltas parecía intimidarlle máis ca a distancia en si. Pero por sorte, antes da saída estivemos falando co resto dos participantes —éramos só 11 persoas en total— e iso axudouna bastante a relaxarse. Comprobar que alí había xente normal, tranquila e con ganas simplemente de pasar unha boa mañá fixo que baixara revolucións.

Tomouse a saída sen ningún tipo de presión, e desde o primeiro metro asumimos que aquilo ía ser unha carreira para gozar e sobrevivir. Patru non puidera adestrar nin un só día por falta de tempo, así que o obxectivo era simplemente completar o percorrido sen sufrimento excesivo nin lesións inesperadas. Saímos a un ritmo moi baixo, practicamente de conversa continua, alternando algún tramo máis lento con outros onde parecía que collía confianza. E contra todo prognóstico, chegamos a correr 1,5 quilómetros seguidos do tirón, o cal xa parecía unha pequena fazaña persoal.

O cross consistía en varias voltas ó circuíto interior do campo, e cando estabamos completando a terceira, xa coa sensación de ter o peor superado, chegou o momento máis surrealista da mañá. A organización decidiu acurtarnos o percorrido previsto, indicándonos cun ton bastante desenfadado: “total, non ides a gañar nada”. Así, entre risas e certa incredulidade, fomos redirixidos cara á meta antes do esperado.

Ó final cruzamos a liña completando arredor de 2,2 quilómetros en vez dos 3 anunciados, pero sinceramente, o de menos era a exactitude da distancia. Patru chegou feliz, enteira e sen ningunha molestia física, que era o verdadeiro triunfo do día. Para alguén que viña sen preparación e bastante asustada, rematar sorrindo e dicindo que incluso “non fora para tanto” xa converteu a mañá nun éxito absoluto.

Ás veces as mellores carreiras non son as máis rápidas nin as máis épicas, senón aquelas nas que alguén descobre que tamén pode formar parte deste inmenso mundo de dorsais, nervios e metas compartidas, sexa no concello que sexa.

Distancia: 2,2k | Desnivel: 3 m | Tempo: 16' 27" | Ritmo: 7' 25" /km | Posición: 11º

313 concellos por (per)correr - instagram.com/correndogalicia





Podes publicar novos temas
Non podes responder a temas
Non podes editar as túas mensaxes
Non podes borrar as túas mensaxes
Non podes votar nas enquisas
Non podes adxuntar arquivos
Non podes descargar arquivos