Foros ›
Diario de Pepemanba e os 313 concellos
Foros de debate / Diarios de adestramento
Respostar ao tema

Autor
Mensaxe
Pepemanba

Foreiro infantil
Foreiro infantil
13/05/16
150 Carreiras
96 Mensaxes

Respostar citando Envío Dom, 10 Mai 2026, 13:20
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos

Meigalicix escribió:
Xustamente escoitei falar estes días por vez primeira da Pontevedrada. Unhas mozas de aquí do barrio, raparigas de 15 anos estaban apuntadas. Laiábanse de que nunca son capaces de rematar e como moito chegan ata Caldas, pero só intentalo, e ademais por tan boa causa paréceme impresionante.

Así que parabéns polo reto conseguido e os 3 novos " cromos no álbum".

Graciñas Meigalicix! Completar 65 km nun mesmo día non é para nada doado sexa ó ritmo que sexa, e sobre todo de noite... Ó final, facer tres etapas do Camiño de Santiago do tirón necesita unha boa preparación, e en calquera caso todo o que se lance a afrontar este reto (mentres non supoña un risco pola súa condición física) ten moito mérito, chegue a onde chegue.
-----

Sábado 2 de maio de 2026 - Trail Orixes de Mondariz
MONDARIZ (Concello nº 171), FORNELOS DE MONTES (Concello nº 172), COVELO (Concello nº 173)

Estou escribindo neste diario unha semana despois do vivido en Mondariz o sábado pasado. Unha vez máis, xuntáronse demasiadas cousas na axenda social, e visto ó visto, teño que agradecer estar bastante enteiro coa tralla acumulada nas últimas semanas...

O venres pasado cadrou en festivo, e o xoves aproveitei para ir ata á Baña e cumprir cos compromisos familiares. Ese mesmo venres, volvín a Coruña ó mediodía para vivir e sufrir unha agónica victoria deportivista en Riazor, con case 20 minutos de desconto na segunda parte. Unha circunstancia coa que non contaba e dificultaba a outra parte do plan: chegar a Mondariz pola noite para durmir de hotel o día antes do 42k do Trail Orixes. Foi saír do estadio, pillar algo de comer, conducir dúas horas, chegar ó hotel sobre as once da noite e rillar un kebap morno na habitación de hotel.

O sábado pola mañá erguínme sobre as sete, co tempo xusto para almorzar e aparcar (por sorte, sen ningunha dificultade) preto da saída do maratón de monte. Recollín o dorsal, deixei a bolsa do corredor no coche e trala revisión do material, comezaba unha nova aventura. Previamente tiña pensado apuntarme na distancia 9k, porque quería evitar lesións e o monte non se me da moi alá... Sen embargo, comprobando que a distancia 42k era a mínima para pasar polo máximo número de concellos posibles (Mondariz, Fornelos de Montes e Covelo), non quería desaproveitar esta oportunidade.

Comecei os primeiros quilómetros con cabeza fría (dentro das miñas quentadas deste reto e deste fin de semana en concreto), xa que non tiña intención en absoluto de competir ó máximo, simplemente abondaba con chegar á meta antes do tempo de corte e sen mancarme. Fun mantendo o ritmo dun xeito bastante razonable, nas subidas aguantando o tirón, apretando nas zonas chanciñas... e entregando as armas nas baixadas. Son un 'cagado' nas baixadas de monte, pero neste trail en concreto, só tendo unha zona bastante técnica, notei como me adiantaba todo o mundo, estando na zona media dos participantes.

As lembranzas que me quedarán destes 42k a semana vista, foi que sen ser un trail complicadísimo, sí que me parece esixente e merece o debido respecto para completalo. A subida do km 30 ten tanta dureza física como mental para coroar o cume, e tamén unha subidiña a uns 3-4 quilómetros da meta que pode acabar por reventarche. Iso sí, organización excelente: balizado impecable do percorrido, avituallamentos, fotógrafos para unhas instantáneas inesquecibles, voluntarios en puntos delicados...; chapeau.

Durante eses cuarenta e dous quilómetros tiven algún que outro tropezo, sen chegar a traxedia, e tras cruzar a meta sentín a liberación de rematar a aventura san e salvo. Tras unha breve ducha (pola frescura da auga) tocou disfrutar duns merecidos callos e unha cervexa, saudando a moitos coñecidos de anteriores carreiras: Miky (da pedestre de Muxía), Andrea (do trail de Quiroga), Montse (da Heroica Ribeira Sacra), Carmen (da marcha Ultreia), o campionísimo José Santiago (da popular de Cariño)... Ten moito encanto ir coñecendo ós poucos a tanta xente boa do mundo das populares e do trails, coa que te acabas reencontrando polo camiño.

Sumados tres concellos máis, ese mesmo sábado collín o coche de volta a Coruña, para quedar cunha parella de amigos coa que o día seguinte ía embarcarme de vacacións por unha rutiña de 360 km en bicicleta pola beira do Danubio... pero iso xa é outra historia. E agora de volta, toca darme uns días de descanso para recuperarme de tanta tralla. Polo de agora non asoma ningunha carreira en concellos inéditos no fin de semana do 16-17 de maio, pero tocará estar atento... e se non, Castro Caldelas agarda para o sábado 23.

Distancia: 42k | Desnivel: 2.183 m | Tempo: 6h 14' 23" | Ritmo: 8' 55" /km | Posición: 41º

313 concellos por (per)correr - instagram.com/correndogalicia





Podes publicar novos temas
Non podes responder a temas
Non podes editar as túas mensaxes
Non podes borrar as túas mensaxes
Non podes votar nas enquisas
Non podes adxuntar arquivos
Non podes descargar arquivos