Dom, 15 Feb 2026, 22:26
Asunto: Re: Diario de Meigalicix
Crónicas da favela: “ Subida ao Castro 2026”
Podería resumir o acontecido nestas últimas tres semanas a golpe de refraneiro popular (aínda que a patente disto xa a ten Alberto San Juan interpretando a o Rafa de "El otro lado de la cama")
Tocaría comezar dicindo que
sábado á noite, María colle a roca. En fin, a experiencia recurrente de que o tempo fuxe a lume de carozo, que os deberes queda enternamente sen facer , que a axenda énchese de ocupacións diversas, de constantes rupturas de ritmo nos horarios, no réxime de comidas, nas horas de sono ... Menos mal que mantiven o ritmo de unha sesión semanal de ximnasio, pero moi poucos entrenos.
Non se collen as troitas coas pernas enxoitas, e mirar pola ventana e saber que ía acabar coma un pito do cairo entre tanto tren de borrascas non axudaba moito. Lonxe quedaron os efectos dos sabios consellos da señora Minducha.
O caso é que
nunca choveu que non escampara, e hoxe cando tocou ir á liña de saída na explanada do Náutico parecía que iamos ter unha boa mañá para correr. Unas 500 persoas (boa cifra). 6 mulleres na categoría F4 e 4 mulleres na F5 ( niso aínda nos queda moito que avanzar).
Unha alegría grande reencontrarme despois de dous anos cos compañeiros e compañeiras do CARMA. Desta volta eramos un puñadiño de 6 persoas para facer a CARMAfoto, facendo de fotógrafo
Dani Bargiela ( así temos de alto o caché

).
Non se pode cuspir para arriba , que non hai soberbia que non caia, así que fun cara o furgón de cola . Pasou por alí
Fonvigo e preguntou que como non ía cara adiante para axudar á compañeira
Mari na carreira, pero xa lle dixen que estando como estou a 6:30 min/km pouca axuda ía ser para ninguén.
Despois da inevitable arenga de "Abel I de Vigo e V de Alemania" comezamos a pasar polo arco de saída. Como todo o mundo ía lento , non tiven a sensación de quedarme atrás. O de trotar comodamente rematou de súpeto ao chegar a Teófilo Llorente. Porque os pulmóns non daban para correr costa arriba, e sobre todo porque o sentido común aconsellaba non correr sobre as pedras molladas do Casco Vello. O bo do asunto é que como todos tiñamos esa mesma idea, ninguén estorbaba a ninguén. O de marchar a paso lixeiro costa arriba funcionou relativamente ben, e o de subir interminables tramos de escaleiras aquí é o pan de cada día (o Vigo vertical que reivindican algúns ... )
O caso é que ao chegar xa á altura do Concello atopei a
Mari, e púxenme á par, dando ánimos . Pero xa pola metade das escaleiras da Cruz do Castro vin que andaba xusta , e máis que animala ía a agobiala , e decidín deixala que fose ao seu ritmo e eu ao meu, que se me fío polas fotos que me sacaron nese tramo, está claro que tampouco era unha maravilla.
Pero como o obxectivo era non quedar de última e non escangallar os xenollos , din por bo chegar en 23 minutos (7 menos do que pensaba que ía facer ).
De alí a pouco chegou
Mari. Lamentábase de non estar en forma , de ter pasado mala semana, e de non ter adiantado a unha das súas archirrivais do ano pasado, pero cando soubo que a adiantei eu quedou moi contenta de que "todo quedase no club" . A verdade é que ten moito mérito o da compañeira
Mari e tanta xente coma ela, que teñen que lidiar con moitas circunstancias laborais e familiares , podendo entrenar só as fins de semana e cando poden. Son todas unhas auténticas campeonas só por iso. Espero de corazón que este ano lle vaia tan ben no Runrun Vigo coma no ano pasado.
Despois de librar da cola de saída fun ata a rotonda de fora do Castelo, onde o meu esforzado utillero agardaba coa roupa de abrigo. Díxenlle que volvía un momento á zona de meta para mirar a táboa de resultados por se acaso, e que xa volvía de contado.
De camiño xa me agardaba
José Francisco, un dos compañeiros do clube para avisar que espabilase, que quedara de 3ª clasificada da F4 e que xa estaban coas premiacións das categorías infantís. A compañeria
Lucía quedou tamén de 3ª na categoría F3, compartindo pódium con
Julia Vaquero, unha sorte a bo fe.
É de agradecer que quixeran axilizar todo antes de que nos caese o trebón. Pero xa se sabe ,
ben correr, mal alcanzar, e os da organización saltaron das premiacións da categoria 3 á categoría 5, sen chamar á 4. E para cando o fixeron, o señor Concelleiro de Deportes tamén meteu a zoca coas presas, poñéndonos no pescozo as medallas da categoría masculina en lugar da feminina... En fin, eu non teño problema ningún en gardar unha medalla que pon 3º Clasificado na categoría M4. Pódese traducir como Mulleres 4 tranquilamente. Agora quédame a curiosidade de como vai traducir a súa medalla o corredor que levou a do 3º posto F4... F de Fenómeno? Fitipaldi? Filispín? Fedello? Flash Gordon? Furabolos? A saber.
Vou rematando.Visto en perspectiva isto non é case nada. Só 3 km, a metade deles sen correr. Pero estar outra vez alí, coa xente do clube, voltar a casa sen dores de mención, botar unhas risas en casa coa familia falando disto, pois si, botábao moito de menos, e hai un ano non tiña claro que poidese volver ser posible.
A sabedoría popular nunca se engana :
Mentras hai vida, hai esperanza.