Foros ›
Diario de Pepemanba e os 313 concellos galegos
Foros de debate / Diarios de adestramento
Respostar ao tema

Autor
Mensaxe
Pepemanba

Foreiro infantil
Foreiro infantil
13/05/16
150 Carreiras
54 Mensaxes

Respostar citando Envío Lun, 04 Ago 2025, 10:54
Asunto: Diario de Pepemanba e os 313 concellos galegos

Ola ós foreir@s de todas as categorías,

Chámome Pepe, son corredor amateur afincado en Coruña e levo desde 2015 participando en carreiras con certa frecuencia. En 2016 corrín a miña primeira maratón en Madrid, e agora mesmo vou por 12 maratóns, entre elas tres en sub3h e as tres Majors de USA. Ó longo do tempo fun compartindo quilómetros con grupos fantásticos como Beerrunners Coruña, cos Marines o co club Gallaecia Raid, e participando en carreiras de todo tipo: pedestres, medias, trails, obstáculos, orientación...

A finais de 2023, despois de vivir o 21k Volta á Ría de Ferrol, quedeime co dato de que esa proba pasaba por 4 concellos e que ía rotando a saída cada ano. Picoume a curiosidade por saber cantos concellos tiña Galicia e cantos levaba visitado a través de carreiras. En decembro de 2023 levaba visitados 45 concellos participando en carreiras, e nestes últimos anos activei o chip "Don Quijote", elevei a afección do running a un punto un tanto obsesivo e sendo hoxe agosto de 2025 o contador está en 129 concellos. Millas, ultra trails, medias, pedestres, roteiros... Un reto maiúsculo, onde a complicación real son os desprazamentos en coche (en moitas ocasións sen liar a ninguén máis) e facer cadrar a axenda das carreiras cos compromisos familiares e do día a día.

Debo moito, moitísimo a este foro, por ser a principal fonte de referencia para consultar o calendario de probas, que vou complementando coas páxinas que organizan as carreiras (Championchip Norte, Carreiras Galegas, Cronotech...). En Instagram, vou subindo información sobre os concellos que visito e cando podo o calendario das vindeiras semanas: https://www.instagram.com/correndogalicia/ Tamén teño un blog aberto, pero xa non me da o tempo para telo actualizado neste momento, verei se nun futuro o resucito.

Estou lonxe de ser un veterano foreiro e teño aberto temas un pouco "particulares" (como cando preguntei por carreiras con medallas conmemorativas, ehem), pero apetéceme ir recopilando por aquí breves crónicas dos concellos que aínda teño pendentes.

Agardo que lle resulte interesante a alguén! Lémonos por aquí e vémonos nas carreiras!

313 concellos por (per)correr - instagram.com/correndogalicia

Última edición por Pepemanba o Lun, 04 Ago 2025, 21:34; editado 1 vez
OrEK

Maratoniano
Maratoniano
7/01/18
99 Carreiras
528 Mensaxes
Lugo
Respostar citando Envío Lun, 04 Ago 2025, 12:19
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos galegos

Collo sitio Sorriso
Pepemanba

Foreiro infantil
Foreiro infantil
13/05/16
150 Carreiras
54 Mensaxes

Respostar citando Envío Lun, 04 Ago 2025, 18:34
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos galegos

Sábado 2 de agosto 2025 - XI Roteiro de San Bartolomeu
MONFERO (Concello nº128)

O meu principal problema para asistir a carreiras en todo canto concello hai é encaixar a axenda. En verán, inda por riba, todo é máis complicado. Festas familiares, reencontros de amigos, eventos cada día... O primeiro venres de agosto en Coruña houbo concerto de Baiuca e quedara cuns colegas para velo. A cuestión é que despois do concerto a troula continuaba, e xa non teño o corpo para queimalo de noite e de día. Con moito pesar, escapei de festa e descansei para vivir a experiencia do roteiro de Monfero.

Monfero é un deses concellos que non conta con moitos eventos deportivos. Polo menos, nestes últimos anos non chegara a localizar ningunha carreira. Neste foro descubrín a existencia dun roteiro organizado por un veciño da zona, que contaba cos permisos para argallar unha andaina, sen tratarse dunha carreira convencional: sen cronometraxe, sen clasificación, sen competición real. O seu obxectivo era poñer en valor o mundo rural, deixar que non esmoreza e dar a coñecer as fermosas terras do Eume.

Neste reto de correr nos 313 concellos, polo de agora teño un estándar de esixencia "elevado". No sentido de que estou contabilizando carreiras de todo tipo (pedestres de toda distancia, trail, obstáculos, orientación...) pero que conten cunha organización. Chegará o momento no que terei que abrir a man naqueles concellos que levan tempo sen organizar carreiras ou que nunca chegaron a celebrar unha. A filosofía de Manuel Bouza, artífice deste roteiro de Monfero, paréceme fantástica se nun futuro chego a plantexar algunha proposta neses concellos máis 'agochados' no mapa galego.

O sábado pola mañá resultoume máis complicado a viaxe en coche que o roteiro en si, xa que de Google Maps debes fiarte o xusto. Mira que neste caso non faltaban indicacións dos organizadores e ata sinais durante a ruta, pero nun cruce nunha costa con moita pendente, unhas raparigas quedaron atoradas co coche ó dubidar por onde ir e formaron caravana ata que puideron arrincar. E o meu C3 sofre tanto ou máis coma min nesas situacións límite, por sorte puidemos safar todos.

Despois de recoller o dorsal (para levar a conta da xente, non por motivos competitivos), saudar uns amigos Beerruners e atender á emotiva presentación do roteiro, no que se explicou todo para o seu correcto desenvolvemento, comezou a aventura.

Sen pistoletazo de saída, sen conta atrás, sen cronometraxe nin nada. Un roteiro con moito aroma de mañá familiar, no que houbo tanto 'andaríns' como 'andaríns máis lixeiros'. Quedei abraiado pola fermosura do lugar, o coidado do camiño (polos propios organizadores) e tamén o perfecto balizado, onde era imposible perderse.

Nunha zona na que era de obrigado cumprimento 'reducir a velocidade' coincidín cun corredor que viñera desde Lugo e que participaba nas carreiras sen reloxo. Todo un 'outsider' nos tempos de Strava, e co que comentei algunhas carreiras da provincia lucense.

Chegados ó momento crítico das frechas de separación de camiños, para elixir entre o roteiro de 17 km ou o de 12,5 km, xa que tiña a oportunidade de dar marcha atrás, elixín o treito máis curto. Estaba anotado no percorrido longo, pero despois inscribírame no 5k de Ortigueira do domingo, e mellor conservar pernas para unha carreira na que ía ir con outro chip. Cheguei o punto de partida, tomei o avituallamento post-carreira correspondente e non tardei en liscar para cumprir coa axenda social da tardiña. Inda tocaba outra parada runner este fin de semana.


Distancia: 12,3k | Desnivel: 562m | Tempo: 1h 19m 23s | Ritmo: 6:26 /km | Posición: N/A

313 concellos por (per)correr - instagram.com/correndogalicia
Pepemanba

Foreiro infantil
Foreiro infantil
13/05/16
150 Carreiras
54 Mensaxes

Respostar citando Envío Lun, 04 Ago 2025, 18:58
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos galegos

Domingo 3 de agosto 2025 - XI Carreira Popular de Ortigueira
ORTIGUEIRA (Concello nº129)

Despois dun sábado no que tocara Monfero pola mañá e o aniversario dunha amiga pola tarde, chegou outro domingo de erguerse cedo. O destino nesta ocasión era Ortigueira, descubrindo a cantidade de ciclistas que circulan entre o tramo das Pontes e Ortigueira un domingo pola mañá.

Outro dos 'problemiñas' que teño neste reto é chegar a vilas nas que non teño moi claro cal é a mellor zona onde aparcar, e ás veces preocúpame de máis ou demasiado pouco. Por exemplo, para o Quiroga Trail Challenge, vendo o nivel de fama da proba e pensando que todo sería un barullo, fun moi temeroso e con antelación pensando que tería que aparcar moi lonxe da saída, e non foi así. No trail de Mañón ou no de Ames, inda que teñen un 'leira-park', ás veces hai zonas enlamadas que por pouco non sae o coche. E na carreira de Pascua de Padrón, fun coa confianza de atopar sitio, pero entre que o centro da vila é un pouco caótico, en feira inda máis e chovía bastante, fun un pouco apurado para atopar sitio.

Volvendo a Ortigueira, tiven a sorte de coincidir cun corredor da zona moito máis espabilado ca min, que levantou un valado para poder deixar o coche no parking da zona do porto no que había atraccións de feira polas festas. Así que deixei o coche moi preto da saída, recollín o dorsal, calcei as zapas e agardei ata o comezo. Non me puxen demasiado lonxe da primeira liña, xa que tiña recente a experiencia de Moraña na que tocou vivir un tapón interesante durante 500 metros.

Na saída apretei un pouco de máis do ritmo que tiña pensado, e ó chegar ás subidas ía controlando os tempos e superando algúns corredores. O primeiro quilómetro saíu cun ritmo bastante alegre, e do km 1,5 ata o 2,5 tocou vivir unha subida empinada na que había que apretar ben os dentes. Puiden recuperar ritmo alto na baixada de terra, pero xa no quilómetro final, pegado á beira do mar ata chegar a alameda da saída, non tiven forzas para seguir a un corredor que me adiantou e ía máis fresco ca min. Foi unha (marabillosa) sorpresa descubrir que este 5k realmente era un 4,5k, un respiro final que sentou moi ben e que permitiu aguantar mentalmente.

Levaba varias carreiras no que estiven preto do podio, e nesta ocasión sorriume a fortuna e tocou un 3º posto de categoría Máster 1, que pasou a ser segundo ó resultar non acumulativos. Tocou agardar un par de horiñas para o momento de podio, pero todo resultou estupendo nunha vila fermosa da que me levo un bo recordo.

Distancia: 4,5k | Desnivel: 66m | Tempo: 16m 50s | Ritmo: 3:43 /km | Posición: 6º (2º Cat. Máster 1)

313 concellos por (per)correr - instagram.com/correndogalicia
Meigalicix

Experto no foro
Experto no foro
19/02/12
59 Carreiras
3292 Mensaxes
Vigo
Respostar citando Envío Lun, 04 Ago 2025, 21:28
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos galegos

Eu tamén vou collendo sitio Sorriso

Moi interesante o que contas do roteiro en Monfero. Debería haber máis coma ese
freakyrunning

Maratoniano
Maratoniano
14/10/13
0 Carreiras
4301 Mensaxes

Respostar citando Envío Mar, 05 Ago 2025, 13:58
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos galegos

Hacia mucho que no había un diario nuevo. A ver si se anima un poco la cosa y se apuntan más, o vuelven viejas glorias.

Saudos Pepe.
Pepemanba

Foreiro infantil
Foreiro infantil
13/05/16
150 Carreiras
54 Mensaxes

Respostar citando Envío Dom, 10 Ago 2025, 19:05
Asunto: Re: Diario de Pepemanba e os 313 concellos galegos

Venres 8 de agosto 2025 - Carreira Popular de Cedeira
CEDEIRA (Concello nº 130)

Unha vez posta a chincheta no mapa en Monfero e Ortigueira, en Instagram saltáronme varias notificacións sobre un inesperado evento para o vindeiro venres pola tarde: carreira popular en Cedeira. Unha cita con moi pouca promoción, e que me permitiría facer un triplete de concellos esa mesma fin de semana. Cheguei a Cedeira cun par de horas de antelación, e en canto viaxei do coche un veciño me recomendaba aparcar mellor á sombra, para non afogar á voltar.

A dinámica de inscrición e retirada de dorsais era unha excelente carta de presentación para saber qué tipo de carreira me agardaba: unha cola de case media hora para anotarse gratuitamente no momento, cun dorsal adhesivo e o número escrito a rotulador. Non tiña idea do percorrido nin da distancia. Por sorte, un par de coñecidos doutras carreiras xa me aclararon que era pouco máis de 4 km, case todo chanciño e con leves costas cara o final.

Sen dúbida, o máis demencial desta carreira popular popularísima foi a saída: ben dicía o cartel que era unha carreira para todas as idades, de 0 a 99 anos. E así foi a saída, unha mistura de cativos con veteranos, un auténtico caixón de xastre que tiña pinta de estampida total. Seica houbo unha inevitable caída, pero creo que pouco dramática. A miña intención era pegarlle zapatilla, e así foi no primeiro quilómetro, inda que o nivel era moi, moi elevado e non cheguei nin a divisar a cabeza da carreira.

A medida que pasaban os quilómetros, ía adiantando a varios corredores e fun absolutamente 'sorpassado' por unha grupeta dun club de atletismo que sacaron o machado na metade da carreira. Ó chegar ó arco de meta, tiven que facer unha breve cola para que anotaran o meu número de dorsal manualmente nun papel, xa que aquí non contaban con cronometraxe. Quedeime coas ganas de saber en qué posto quedaría na miña categoría, pero tiña pinta que tocaría agardar mínimo unha hora para saber o resultado final e tocaba liscar a Coruña para chegar a tempo ós concertos da praia de Riazor.

Distancia: 4k | Desnivel: 10m | Tempo: 15m 6s | Ritmo: 3:42 /km | Posición: N/A

----------------
Sábado 9 de agosto 2025 - Corretroita
SOBRADO DOS MONXES (Concello nº 131)

Chegoulle á noite do venres, se ben non foi tan dura como contaba. Sesión de cardio nocturno cos pogos do concerto de Grande Amore e pateada entre ir e volver para a arrincadeira nun pub de Monte Alto. O sábado tivo un medio día de descanso antes de volver a coller o coche e embarcarse de novo en modo 'lobo solitario' a outro concello coruñés: Sobrado dos Monxes.

Non chegara a visitar antes este lugar, e descoñecía a súa afluencia de peregrinos polo Camiño do Norte. A saída e meta da carreira nas proximidades do mosteiro pareceume un lugar moi chulo, e notábase a organización e promoción por parte da Federación Galega de Atletismo, xa que erabamos case 150 participantes na distancia para adultos. Unha cifra máis que aceptable considerando que era un sábado de tarde a comezos de agosto. Tiven a oportunidade de saúdar a colegas do mundo das carreiras que levaba tempo sen coincidir con eles.

Nesta carreira decidín non apretar a tope, xa que non tiña sentido facelo despois de darlle duro na carreira de Cedeira, tras unha noite de troula e contando que o día seguinte quería estar fresco para a derradeira carreira da fin de semana. Igual ó ir un pouco máis 'relaxado', disfrutei máis do percorrido, dúas voltas nun circuito de case 4 quilómetros por un bonito entorno por pistas de terra, combinando bastante baixada e zona chá, tendo que superar dúas subidas un tanto pronunciadas. Moi agradecido dos veciños que tiraban de mangueira para refrescar os corredores e un excelente ambiente na meta. Notábase que estaban en festas e que había un bochinche a man...

Distancia: 7,8k | Desnivel: 112m | Tempo: 31m 53s | Ritmo: 4:06 /km | Posición: 20º (6º Cat. Máster 1)

----------------
Domingo 10 de agosto 2025 - Carreira Popular de Cariño
CARIÑO (Concello nº 132)

Última parada dunha finde moi intensa, sumando tres concellos no listado. Tocou erguerse bastante cedo e unha boa paliza de coche, pero a miña tolemia neste reto non ten límites. Da zona norte da provincia coruñesa, aínda teño pendente Valdoviño, Cerdido e As Somozas, aberto ós avisos dos lectores desde diario.

Creo que este traxecto matutino foi das poucas viaxes recentes na que o ceo estaba máis gris e encapotado que Coruña. Unha mágoa para os veciños da zona, pero unha bendición para calquera corredor. Alí estaba un colega do mundo da orientación, que me avisara desta carreira que tampouco contaba con demasiados participantes. A molestia que máis notei foi o ter ás costas cargadas, seguramente de tanto traxecto en coche nas últimas horas.

O percorrido desta carreira era ideal para min: 3 voltas polo paseo marítimo de Cariño, dous quilómetros en cada volta, todo chanciño, todo beirarrúa e carril bici. A única complicación era ter o vento en contra cando tocaba regresar ó arco de saída e que non me atopaba fresco de todo. Durante a primeira volta, puiden ter á cabeza de carreira á vista, e había un grupiño conformado do segundo ó sexto clasificado do que formei parte ata a segunda volta.

Sen embargo, pasada a metade de carreira, chegou un artista convidado que ninguén agardaba e rompeu o ritmo ata adiantar a todo, e que aínda tiña empuxe para apretar un pouco máis. Decidín agardar un chisco para seguir a súa estela, e pouco antes do derradeiro quilómetro xa se descolgara ese grupo e me atopaba na terceira posición. Din todo o que tiña nos últimos 400 metros, e quedei a case dous segundos do segundo clasificado.

Total, un terceiro posto absoluto como broche de ouro para bastantes quilómetros de coche e uns tantos nas pernas. A única crítica construtiva que teño da carreira de Cariño é que se no regulamento indican que hai servizo de duchas, canto menos indicar ben onde é ou que estea alguén pendente de abrir o lugar (seica o pavillón municipal estaba pechado de fai tempo, e estando a un quilómetro da zona de meta, ó volver para o podio xa non investiguei se era noutro lugar).

Distancia: 6,2k | Desnivel: 5m | Tempo: 22m 42s | Ritmo: 3:43 /km | Posición: 3º (3º Cat. Veteráns A)

313 concellos por (per)correr - instagram.com/correndogalicia





Podes publicar novos temas
Non podes responder a temas
Non podes editar as túas mensaxes
Non podes borrar as túas mensaxes
Non podes votar nas enquisas
Non podes adxuntar arquivos
Non podes descargar arquivos