Dom, 18 Ago 2019, 19:31
Asunto: Re: Diario de Meigalicix (polo 20% e subindo)
Crónicas da favela: XXVIII Carreira das Areas de Carnota
A última entrada no diario foi do 7 de agosto. Dende entón so corrin ó sábado 10 e domingo 11, algo de exercicios en casa o martes 13 ,e unha saída media hora pola Guía o mércores 14. Iso foi todo canto puiden facer nos últimos días .
É xenial poder sair coa filla en bicicleta, coa cadela da correa, ou retando a un cachorro adolescente a batir marcas... Pero os entrenos cos ancestros por veces levan outros rumbos, e chega un momento en te ves, inevitablemente, de acompañante no tramo final da derradeira maratón .
Con toda esta equipaxe de esforzos, desentrenos e ausencias, cheguei a Carnota. Se remataba en menos de 60 minutos xa sería dabondo. O obxectivo hoxe era simplemente chegar con azos a meta.
Quen me dera que eses cinco entrenos por terras kirguisas a máis de 2000 m. me tiveran subido de verdade o hematocrito, pero ese tipo de cousas só pasan nas series americanas. Tocaba correr coa gasolina da reserva, e cruzando os dedos para que as molestias dos últimos días no tendón de Aquiles da perna dereita non fixeran acto de presencia. Por se acaso un pouco de Voltadol de víspera e pola mañá. E coidando un pouco as horas de sono, alimentación e estiramentos ( polo menos un chisco mais ca outras veces).
Pensei que as nubes da primeira hora da mañá ían seguir así e asegurar un pouco de fresco na carreira, pero xa as 11 había un ceo superdespexado e moito sol. Mal asunto.
Sobre as 11:15 xa tiña o meu dorsal. Dediqueime a quentar algo, afacerme á nova organización da saída no campo do hórreo, e de paso devolver o saúdo a
Amina e
Litho ( coma sempre, eu sen gafas case paso de longo , menos mal que eles si teñen boa vista).
De alí a pouco ,pistoletazo de saída, uns metros de trail por campo acabado de desbrozar, un par de costas pequeniñas pero traidoras , e xa o tramo de asfalto cara a praia, buscando un ritmo cómodo e o meu sitio na carreira, que viña sendo moi atrás pero non de todo.
Cara Maceiras vento a favor, e ó dar a volta o detalle da karcher dando folgos para encarar a longa tirada ata Boca do Río co vento en contra. Cando cheguei a recoller o primeiro botellín de auga vinme arriba , ademáis estaban ali os meus animando. Non importaba cantas pozas había que saltar nin o enchoupados que ían os pes. En todo ese tramo adiantei a un puñadiño de corredores. É o bó de ir tan atrás, só queda adiantar.
De contado xa o último tramo co vento a favor, mais ducha do coche de bombeiros para encarar o treito final de asfalto. Longo, solitario, pero a moito mellor ritmo ca outras veces.
Afortunadamente xa non había que facer a curva en costa arriba doutros anos ó pasar a igrexa. E xa por fin chegada a meta. Menos de 58 minutos. 7 de 14 na categoría +50 feminina. Ritmo de 5:48 en area, cando últimamente en asfalto os meus entrenos tampouco eran moito máis rápidos .
Obxectivo cumplido, e xa toca pensar no inicio de temporada, en volver pola fisio e o ximnasio despois de tanto tempo, e prepararse a conciencia para a do Berbés.
De volta a casa, un sofá desocupado, e unha voz que xa non está para preguntarme se gañei algo desta vez. Pero afacerme a iso xa é outra carreira de fondo que levará o seu tempo.
Simplemente que a xornada de hoxe vaia coma homenaxe