Xov, 23 Xan 2014, 15:19
Asunto: Circuito de Carreiras de Pontevedra (CCCP) 2014
1. QUE É O CCCP
O Circuíto de Carreiras Pedestres (CCCP) de Pontevedra é un programa anual de carreiras pedestres que se organizan ao longo de todo o municipio para fomentar a actividade físico – deportiva e, en moitos casos, promover a vida asociativa e deportiva en cada parroquia. Entre os seus obxectivos está os de fomentar a recreación, a saúde, e a posibilidade de ocupar o tempo de lecer de forma saudable.
2. QUEN ORGANIZA O CCCP
O Instituto Municipal de Deportes de Pontevedra (Organismo Autónomo do Concello de Pontevedra) coordina o CCCP 2014 que contará coa colaboración particular das seguintes entidades sen ánimo de lucro Sociedad Gimnástica de Pontevedra, Asociación de Veciños Salcedo Norte, Consello de Barrio de Monte Porreiro, a Asociación Xuvenil Santiago Peregrino do Burgo e a Asociación Cultural e Deportiva de Campañó.
3. QUEN PODE PARTICIPAR
Todas as persoas maiores de 18 anos o día da carreira e inscritas previamente na Liga do CCCP. Todos os/as atletas deberán acreditar a súa identidade á hora de recoller a bolsa de corredor/a, con calquera documento oficial que teña fotografía.
ANOS CUMPRIDOS Categorías (M = Masculino / F = Feminino)
Senior (M e F) dende os 18 ata os 34
Veterán/a 1 (M e F) dende os 35 ata os 39
Veterán/a 2 (M e F) dende os 40 ata os 45
Veterán/a 3 (M e F) dende os 45 ata os 49
Veterán/a 4 (M e F) dende os 50 ata os 54
Veterán/a 5 (M e F) dende os 55 ata os 59
Veterán/a 6 (M e F) dende os 60 ata os 64
Veterán/a 7 (M e F) dende os 65 e diante
Participación individual
Cada atleta competirá na categoría que lle corresponda por idade cumprida no comezo da primeira carreira que conforma o CCCP 2014 (02 de febreiro), mantendo dita categoría ata a derradeira proba.
Participación equipos
Este ano inclúese a categoría “equipos”. Os equipos deberán estar formado por doce (12) atletas e, a lo menos dous (2) deberán ser de sexo distinto. A súa vez, cada atleta participará, individualmente, na categoría que lle corresponda por idade, conforme ao determinado na táboa anterior. Así como na clasificación absoluta e compensada.
4. EN QUE DATAS E A QUE HORAS SERÁN AS CARREIRAS
CARREIRA - LUGAR - DISTANCIA (m) - DATA - SEMANA - HORA
San Brais - Salcedo - 6.000 -02/02 - Domingo -12.00 h.
Monte Porreiro - Monte Porreiro - 8.000 - 13/04 - Domingo - 11.00 h.
PonteNoite - Cidade - 10.000 - 14/06 - Sábado - 21.00 h.
Santiaguiño do Burgo - Lérez - 6.100 - 25/07 - Venres - 11.00 h.
Campañó - Campañó - 9.650 - 20/09 - Sábado - 17.00 h.
Medio Maratón - Cidade - 21.097 - 19/10 - Domingo - 11.00 h.
Por motivos técnicos os horarios poderán variar ou, de ser necesario, poderanse excepcionalmente suspender.
5. CONDICIÓNS DE PARTICIPACIÓN
As persoas participantes comprométense a aceptar estritamente o presente regulamento e calquera posible modificación que, en tempo e forma, se comunique por parte da organización.
A realización da inscrición implica ter lido, entendido e adquirido os compromisos que a continuación se expoñen:
- Certifico que estou en bo estado físico e teño pasado os pertinentes recoñecementos de saúde. A Organización non será responsable de calquera lesión ou padecemento por imprudencia, neglixencia ou falta de forma física do/a atleta.
- Eximo de toda responsabilidade á organización que puidera derivar da miña participación no evento, como perdida de obxectos persoais por roubo ou outras circunstancias, perigo de lesión, atropelos, agresións,...
- Todos os/as participantes no CCCP aceptan todos os dereitos e obrigas do presente regulamento e o de cada unha das probas individuais.
- Autorizo a organización para a utilización da miña imaxe en publicacións, carteis,.... para a promoción do deporte. Calquera persoa inscrita poderá prohibir a utilización da súa imaxe previa solicitude expresa por escrito ao Instituto Municipal de Deportes de Pontevedra.
A Organización resérvase o dereito de rexeitar calquera inscrición que non acepte os termos e condicións que queden expostos no presente regulamento. En caso de dúbida, ou de xurdir algunha situación extraordinaria, estarase ao que dispoña a Organización.
6. CHIP
Obrigatoriamente todos os deportistas terán que levar o Chip atado ao calzado, e estableceranse “alfombras de paso” polo que é obrigatorio pasar por enriba das alfombras de cronometraxe dispostas ao longo do percorrido. Os atletas que non teñan todos os rexistros poderán ser descualificados.
7. QUE SISTEMA UTILIZAREMOS PARA INSCRIBIRNOS NO CCCP
Só a través da páxina web de
www.championchipnorte.com e o prazo para anotarse rematará no mesmo momento no que se pecha a inscrición da terceira carreira programada. Os participantes na primeira e segunda carreira, que non fixeron a inscrición no CCCP 2014 (e só a fixeran na/s propia/s carreira/s), se aínda se queren inscribir no CCCP para a terceira carreira e sucesivas, recuperarán automaticamente o resultado acadado nesas Carreiras nas que aínda non formaban parte do CCCP 2014, para a súa puntuación final.
No caso de que unha persoa cumpra os 18 anos despois do 02/02/2014 poderá inscribirse no CCCP 2014 cando sexa maior de idade o día dunha das 3 primeiras carreiras do CCCP 2014, seguindo as indicacións anteriores e só poderá correr nas carreiras nas que fora maior de idade.
Para alistar os “equipos” primeiramente teranse que inscribir individualmente cada un dos/as participantes e posteriormente recibirán un correo-e para normalizar o alistamento dos integrantes de cada equipo que terá que ser respostado polo coordinador/a do equipo, nese momento deberá incluír os datos de cada un dos doce (12) membros do equipo, debendo cumprir cada un deles, as condicións e características determinadas nos puntos anteriores.
8. CANTO COSTA TOMAR PARTE NO CCCP
Inscrición individual:
A cota de inscrición no CCCP será de 30 € para os posuidores de “chip amarelo”, e 45 € para os que non o teñan porque entregarémoslle un “chip amarelo” (que poderá utilizar tamén noutros eventos externos ao CCCP, cronometrados por ChampionChip).
Este prezo de compra do “chip amarelo” de 15 €, só será válido para os participantes no CCCP e ao remate da derradeira carreira poderase devolver o “chip amarelo”, retornándolle ao posuidor 6 €. Só se admitirán a devolución dos “chips amarelos” mercados para o CCCP 2014.
Inscrición equipos:
O prezo para “equipos” será de 335 € se todos os membros que posuín o “chip amarelo”. De non ser así, engadirase 15 € por cada un dos membros que non o teñan. Mantendo as mesmas condicións de devolución expostas no parágrafo anterior.
9. QUE DEREITOS ADQUIRO AO FACERME CORREDOR/A DO CCCP
- Pagar un só prezo reducido por todo o CCCP 2014.
- Estar inscrito en todas as carreiras que formen parte do CCCP 2014.
- Recibir un dorsal especial para todo o CCCP que debes de manter fisicamente durante toda a tempada (en caso de extravialo terás que solicitalo por correo-e e pagar 2 €).
- Recibir unha bolsa especial do corredor/a, que se entregará na segunda carreira do CCCP.
- Optar aos premios de gañadores/as.
- Tomar parte nos posibles sorteos especiais.
10. CON QUE SEGURIDADE CONTAREMOS
Seguros de responsabilidade civil e de accidentes
Todas as carreiras terán subscrito o seguro de responsabilidade civil do Instituto Municipal de Deportes do Concello de Pontevedra, e contarán tamén cun seguro de accidentes.
Asistencia médica e ambulancia
Cada carreira terá obrigatoriamente, como mínimo, un/ha médico/a na proba durante o tempo completo da proba e ata 30 minutos despois do remate da derradeira proba e da chegada do último corredor/a. Nas probas cunha participación que supere ás 750 persoas contarase coa presenza de dous médicos/as e dúas ambulancias.
11. CLASIFICACIÓNS DO CCCP
Para a puntuación do CCCP establecerase unha clasificación en cada carreira soamente entre as persoas inscritas no Circuíto, e segundo a categoría a cal corresponda cada participante ou equipo.
A clasificación da primeira e segunda carreira, poderá sufrir variacións en función do sinalado no primeiro parágrafo do artigo 7.
Nesta clasificación establecerase unha puntuación por postos, de tal maneira que o gañador de cada carreira recibirá 1 punto, o segundo 2 puntos e así sucesivamente. Na puntuación do Medio Maratón Pontevedra que terá un valor especial (polo extraordinario da proba), dividirase o posto acadado entre 2.
A clasificación definitiva farase sumando a mellor puntuación acadada nun mínimo de catro probas, sendo os mellores clasificados/as os que teñan menos puntos.
No caso de empates terase en conta, neste orden, o número de probas rematadas, a maior distancia en kilómetros percorridos, e os mellores resultados acadados nas probas non computadas.
O CCCP terá catro clasificacións distintas.
- "Absoluta" realizarase entre todos os participantes de cada sexo.
- "Categorías" unha clasificación para cada unha das categorías indicadas no cadro do artigo 3º.
- "Compensada" será entre todos os participantes de cada sexo aplicándoselles a táboa de compensación de idades (o día de cada carreira) da Asociación Mundial de Atletas Masters (WMA)
www.world-masters-athl...ing-tables
- "Equipos" se realizara entre todos os equipos participantes sumando a puntuación acadada en todas e cada unha das carreiras que integran o Circuíto. Puntuando en cada carreira os seis (6) corredores/as con mellor puntuación na clasificación compensada, dos cales un/ha (1) deberá ser de sexo distinto aos outros cinco (5). De non participar seis (6) sumarase a puntuación do derradeiro participante dos inscritos no Circuíto e por cada atleta que falte.
12. DESCUALIFICACIÓNS
A descualificación dun atleta nunha proba individual supón a non puntuación no CCCP en dita proba, mentres que a descualificación dun atleta en 2 probas individuais do CCCP, supón a perda inmediata de todos os dereitos de clasificación.
13. ENTREGA DE PREMIOS
Ao remate de cada proba individual entregaranse os premios de cada carreira, que non son os do CCCP que só se entregarán ao remate do circuíto en data a definir. Os/as atletas que non se presenten á recollida do seu premio no seu momento, perderán o dereito a recollelo.
Entregarase trofeos aos tres primeiros clasificados das clasificacións finais masculina e feminina anunciadas no punto 11 do presente regulamento. A maiores entregarase un vale a cada gañador/a absoluto para mercar no comercio local de Pontevedra do seguinte xeito:
I N D I V I D U A I S
1ºAbsoluto/a - Masculino - Feminina - 500,00 €
2ºAbsoluto/a - Masculino - Feminina - 400,00 €
3ºAbsoluto/a - Masculino - Feminina - 300,00 €
E Q U I P O
1º Equipo - Mixto - 300,00 €