Dom, 20 Out 2019, 22:25
Asunto: Re: Diario de Meigalicix (polo 20% e subindo)
Crónicas da Favela: " Wilmaaa !! "
Remata unha semana que case se foi en branco pola sobrecarga laboral: O martes tiven que renunciar por iso á sesión de ximnasio. Cheguei ó xoves sen facer saída ningunha, e o corpo, o cerebro e o ánimo chegaron ó limite... a ese punto en que o agotamento total impide descansar e aparece o insomnio. A noite do xoves para venres só fun quen de durmir tres horas, polo que decidín que tiña que volver coller as zapatillas como fose para poñer remedio á situación.
O venres cedo, máis durmida que desperta, fun media hora pola ruta de ida e volta ás Catro Pontes. Sábado e domingo tocaba estar fora de Vigo: Unhas xornadas de formación en Xinzo de Limia. O único xeito de sacar un par de saídas máis, era levar as zapatillas e tratar de correr alí ás 7 da mañá, e incorporarme sobre as 8:15 ó horario establecido para a actividade. Cousas máis raras tiña feito na miña vida.
Así chegamos á mañá do sábado. Despois de ter durmido xa mellor ca a noite anterior, logrei erguerme antes das 7. Comezo a calzarme e vestirme para correr e descubro que, coas presas de facer a maleta, non metín mallas, só camisetas e calcetíns. En fin , nada que non se poidese solventar adaptando un pouco o pantalón do pixama ata que parecese unha malla debaixo da camiseta... Xa lista baixei ó vestibulo do hotel. Como vin que a porta principal non estaba pechada con chave e abría sen problema, decidín a última hora volver á habitación e deixar as chaves alí, pois eran das antiguas, cun chaveiro desdes de medio kilómetro cadrado e ía ser un atranco correr con elas na man. Total, seguro que cando volvese, o meu sufrido utillero xa estaría desperto e a pé para abrime cando petase na porta. Deixeino durmindo e marchei por fin á rúa.
Chovía, non arreciaba, pero mollaba ben. Mellor. Terapia de choque para espabilar . Había como vinte anos que non paraba en Xinzo de Limia. Non tiña nin idea por onde tirar. A intuición foime levando a facer unha especie de percorrido triangular por asfalto semiurbano, procurando zafar das pozas, e aproveitando a luz das farolas. Non máis de 3600 metros, pero de abondo para calmar o mono e entonar o corpo. Todo parecía ir sobre o previsto ata que cheguei de novo á porta do hotel . Empuxo cara adentro pensando que abriría, cal porta de supermercado, pero non : tiña o mítico mecanismo que podes abrir desde dentro pero non desde fora... Como fun tan burra de non decatarme diso antes de marchar???. A recepción do hotel non ía abrir ata as 8, sen móbil do que botar mán , que me quedaba? Conxelarme coa roupa mollada da chuvia esperando máis de media hora???... A nosa habitación daba cara a rúa, balcón do segundo piso. Nun momento de desesperación marqueime un "Pedro Picapiedra" e desde o medio da rúa chamei cara o balcón. Unha sóa vez, porque non era plan de despertar a toda a veciñanza (as persianas das xanelas estaban todas baixadas aínda).
Non houbo resposta. Nin de nigún veciño encabuxado (menos mal) , nin tampouco do meu sufrido utillero.
Metinme no oco dun portal a facer estiramentos, flexións, sentadillas, o que fose para non enfriarme. Pero o tempo non daba pasado , así que non quedou máis remedio que sair a facer unhas carreiras rúa arriba, rúa abaixo. En fin, esta frase feita non ten moito sentido en Xinzo de Limia, onde non hai arriba e abaixo, senón que está todo a ras.
Afortunadamente, despois de catro carreiras, xa atopei aberta a recepción do hotel, e algunhas compañeiras de actividade sentadas agardando para ir a almorzar na cafetería. Entrei con toda naturalidade, como se chegase de rematar o circuíto xusto nese momento.
Ó chegar á habitación , o meu sufrido utillero dixo que me sentira chamar , que se erguera da cama e se asomara ó balcón pero que non vira a ninguén. Eu pensaba que estas cousas só pasaban nas pelis de Buster Keaton
Hoxe domingo volvín sair, mesma hora, mesmo circuito. Pero coa lección aprendida, e o mazacote de chaveiro na man dereita, coma se fose unha carreira de relevos e lle tivese que pasar o testigo a alguén. Polo menos non chovía e non había case pozas no asfalto.
En total , 3 saídas. Escasamente 11700 metros, absolutamente atípicos, pero o corpo e o cerebro xa un pouco máis no seu sitio.
Inscripción na San Martiño xa formalizada. 20 días por diante . A ver que rendimento lle saco
Última edición por Meigalicix o Dom, 20 Out 2019, 22:31; editado 1 vez