Lun, 19 Nov 2018, 0:29
Asunto: Re: Diario de Meigalicix (polo 20% e subindo)
Crónicas da favela: XLII Carreira pedestre popular da San Martiño
Corenta e dúas para os habitantes de Sparkland, oito para min, coma os compases do mambo.
A estas alturas xa é redundante dicilo, pero toda aventura comeza de vispera. Disque algunha xente só se lembra de Santa Bárbara cando trona. Eu téñolle máis lei ós meus santos, e de San Martiño e da San Martiño acórdome sempre, e nestes días aínda máis. Con esta frecuencia de sesións de ximnasio tan irregular e con ritmos de rodaxe a 5:50 , só me quedaba poñer velas e esperar miragres.
Un anticipo de miragre foi chegar na hora prevista sen retrasos a Ourense o sábado. Tocaba ir por segunda vez a Expourense, non só pola recodilla dos dorsais, senón por ver á miña archirrival pisando podium novamente na entrega de premios do circuito Correndo por Ourense.
Miragre case tamén foi lograr contactar telefonicamente co compañeiro de club que me encargara recoller o dorsal. A pesar de ser eu unha toupa coas TIC, a historia rematou ben
Logo cea caseira, de menú para atletas, con bebidas sen alcohol, cociñada pola miña archirrival ( bos detalles que me fan levar con agradecemento e sen xenreira os moitos minutos que me mete por carreira de un ano para aqui)
Ata fixen exercicios de reforzo e estiramento despois, antes de irme deitar cedo. Parecía que todo ía encaixando á perfección ata o momento en que tiven que erguerme para ir ó baño. De primeiras cain mareada na cama sen lograr completar a maniobra. De segundo intento , conseguino indo ás apalpadas polas paredes. E máis ou menos o mesmo nas outras dúas veces que me tocou volver .
O diagnóstico tíñao claro, porque xa me ten pasado outras veces: Baixon brutal de tensión por estrés laboral e doméstico, e falta de sono nas últimas semanas. Pero de pouco vale o diagnóstico se non se aplica un tratamento. Agora si que facía falta un bo miragre e rezar con fervor a San Martiño. Tratei de durmir como puiden e xa ás 8 da mañá me animei a almorzar abundante para poñer remedio á situación, pero todo era un círculo vicioso: “Estou mareada porque ando con estómago baleiro, pero non podo meter nada no estómago porque estou mareada”. Pouco a pouco fun comendo algo e remontando, pero para que San Martiño atendese ás miñas oracións de contado, acabei por recurrir a unha plegaria máis contundente: Un te verde ben regado con “pingas” de augardente de cana de azucre procedente da illa de Madeira que andaba por un andel da cociña.
Máis ou menos fixo efecto, pero cando saín de casa a iso das 9:50 aínda tiña a sensación de ser un parrulo peneque caendo para os lados. O aire fresquiño da mañá foime espabilando e cando cheguei á rotonda do Nexus xa era completamente eu mesma.
Xusto á hora acordada, o compañeiro de club apareceu por alí e lle pasei o seu dorsal. Xa libre, tiña media hora por diante para quentar, pero case me sentía fora de lugar, eu soa dando voltas entre a rotonda do Nexus e a do pavillón tan cedo, recén posta a megafonía. Claro que iso non durou moito, pois xa logo fumos 3, 10, 25, e centos e moreas.
Ás 10:25 parei para xuntarme coas outras nécoras do CAR Marisqueiro a facer a Carmafoto , cousa que non tiña oportunidade de facer desde o mes de abril na Vig Bay, longos 7 meses sen poder tomar parte na festa.
Entre as menos vinte e menos cuarto aínda houbo tempo de estar na fotokedada do foro, e volver a saludar despois de tanto tempo a
Papa-Léguas, Matogrosso, Orion, Anpefi, e Amina mais Litho que case non chegan. Por suposto,
Baoes no centro da foto, coa a súa camisola celebrativa.
De alí a moi pouco tocou ir cara os caixóns de saída, e tomar un par de gominolas das miñas para non ter un baixón nada máis arrincar. Estratexia, a de sempre: Saír pegada ós globeiros de 50 minutos, deixalos ir indo pouco a pouco e evitar ser rebasada polos globeiros de 55 minutos, ou en caso de fallar as forzas ó longo da carreira, pegarme a eles.
E así foi funcionando pola Ponte do Milenio arriba. Cando estaba xa chegando ó primeiro xiro á dereita na rúa da Estación, caio na conta de que xa me van diante os globeiros de 55 minutos. E non, aínda non era momento en absoluto de deixalos ir. De contado, aproveitando o xiro cara avenida das Caldas rebaseinos, e collin pulo cara a costa abaixo, disfrutando, sen molestias no corpo, feliz de formar parte desa serpe de mil cores pasando pola Ponte Vella.
Na rúa Progreso San Martiño mandoume o primeiro anxo da garda. “Ánimo , Alicia” Era Aurora que viña adiantando con forza. Por uns momentos seguina. Valeume para coller ritmo e posicións, pero ela ía na súa carreira e eu na miña. En calquera caso un soplo de forza para agradecer.
Por Doutor Fleming fun mantendo ritmo e sensacións , preparándome mentalmente para a subida da Avenida de Portugal. E xusto alí ven a darme pulo o segundo anxo da garda, Anpefi, con que me dou tempo de intercambiar un par de palabras e deixalo ir, lixeiro na costa arriba.
Cada ano a carreira faiseme máis acelerada e máis curta faga o tempo que faga. Parecía ir todo a cámara rápida, o botellín de auga no km 5 e xa de contado a xente saíndo da misa na catedral, a xente mirando na rúa do Paseo, a terceira alfombra de control e xa a rotonda de Curros Enriquez, a Ponte Nova, e a puñalada da costa de Francisca Herrera, que non por lembrada e esperada se fixo máis suave. Pero sobrevivín.
Tería pisado mais forte no segundo paso pola Ponte Vella, pero volvíamos a estar en tapón. E xa a hora da verdade por Pardo de Cela cara a meta. Que número me atoparei baixo o arco?
En fin, segundo baixaba cara a lafombrilla vin como ía cambiando a 55:00, e a 55:10 . Non importaba xa. Calculando co tempo neto xa me podía dar por contenta de ter acadado o obxectivo que me marcara. Xa podía respirar tranquila e marchar.
No camiño de volta houbo tempo de saudar a
Montxo e escoitarlle falar maravillas da sua experiencia neoyorkina, e de dicirlle adeus a
Matogrosso.
Recta final da axenda do día: Estiramentos, ducha, cervexas e tapas compartidas, máis revisión dos resultados en Championchip. Os meus resultados:
2414 de 3681 chegados a meta
264 de 775 mulleres
14 de 63 na categoria veteranas D
00:55:15 Tempo oficial
00:54:25 Tiempo Neto
Ritmo 05:31 / km
Ritmo Neto 05:26 / km
A miña archirrival foi segunda de veteranas D!!, pero os que fan as clasificacións da proba son tan agarrados, que no cadro de honra so figura a primeira persoa da categoría. Que lles costaría facer podiums de 3 como no resto das carreiras...
Se cadra saiu unha crónica longa de máis, e habería que resumir todo nunha frase, se cadra ésta: “Que bonito é estar de volta!!”
Última edición por Meigalicix o Lun, 19 Nov 2018, 13:18; editado 1 vez