Sáb, 20 Mai 2017, 22:27
Asunto: Re: Diario de Meigalicix (polo 20% e subindo)
Por unha vez imos cumplindo mínimamente co plan semanal.
O xoves ximnasio, como foi ás 12 da mañá tocoume con Gonzalo e non con Jota. Non digo que fose pan comido, pero Jota sempre inventa cousas moito mais endiañadas para os meus cuádriceps.
O venres logrei facer a segunda saída, pero entre as 2 e as 3 da tarde. Tiven sorte que había brisa e algunha nube, e a temperatura non subiu dos 18 graos. Por ese lado ben. O problema foi que , por algunha razón que se me escapa, o corpo debía estar a "pedirme comisaría", coma a Julián Hernández... O caso foi que nos breves 44 minutos que durou a saída metínme en mais líos xuntos que nos 7 anos que levo correndo.
O plan era facer un combinado A Guía- Arealonga sen pasar polo faro nin pola ETEA. Ata a carballeira todo dentro do normal (zafando das obras da Avenida de Galicia, dos paseadores de cans...) . Logo doume por seguir un anaquiño polo camiño que leva da carballeira ó campo de fútbol, con idea de coller algún calexón pola dereita que me levase de volta a Dr Corbal. E aí comezaron os problemas: Collo o calexón mais ancho e vexo que hai unha valla atravesada " Será para que non pasen motos" pensei, e furei por un lado. Xusto nese momento decátome que estaba o cemento fresco recén botado. Confeso que a miña reacción foi liscar acelerando, non fora ser que alguén viñera a botar a merecida bronca. Pero como dicía a miña avóa "Deus castiga sen pau nin pedra". O calexón non tiña saída e tiven que volver pasar outra vez polo cemento, e desa vez si que asomou alguén. Pedin desculpas o mellor que puiden, sen deixar de correr a lume de carozo.
Por fin atopei a saída cara Dr Corbal. De alí á Travesía da Oliveira para cruzar a Avenida da Mariña Española ata a Baixada a Ríos. Por non parar o garmin nin parar eu, pasei de recuar cara o paso de cebra. Atallei de frente, xuraría que naquel momento non pasaba ningún coche, cando caio na conta de que acaba de frear un pola miña dereita. Outra ración de desculpas por mímica mentras lisco cara a Baixada a Ríos.
Conócese que aínda non levara ración de abondo. Xusto na curva para coller o Camiño da Igrexa ven unha furgoneta ancha pisándolle un pouco mais do que debería nun sitio coma ese. Típico lugar estreito sen beirarrúa nin arcén. Pegueime ó muro coma unha lapa, encollida de brazos.
Con tantas idas, voltas, paradas e sustos, o tempo foise indo . Para estar de volta en casa antes das 3 , tiven que acortar. Xa non baixei pola Rotea, tirei polo Camiño Real, e na primeira costa cara a dereita que atopei, tirei para arriba para coller a Avenida de Galicia, mais ou menos á altura das Catro Pontes.
O garmin andaba baixo de bateria e só rexistrou os 16 primeiros minutos de todo este caos. Tiven que pasar dos satélites e deixalo só como reloxo normal. Aproximadamente 44 minutos correndo, cun ritmo medio probable de 6 min/km.
En fin, tamén dicía a miña avoa que "nunca choveu que non escampara". Así que despois dunha xornada coma a de onte, tiña que tocar unha coma a de hoxe para compensar: Recuperación muscular (e anímica) nun bar calquera de Santiago, unha milanesa de polo no prato, escoitando en vivo e en directo as habilidades de Mr Ed , os detalles da Ironman das Pontes e a esforzada vida dos triatletas. A Harley fora, candada nunha farola ben vixiada, suscitando a curiosidade dos turistas... A ver se é verdade que a vindeira xornada (en Coruña, Vigo ou Santiago), é coas zapatillas postas. Un obxectivo ben motivador para as nosas axendas deportivas.