Dom, 01 Xan 2017, 22:10
Asunto: Re: Diario de Meigalicix (polo 20% e subindo)
"Crónicas da favela: Ano novo con ben veñas... "
... como os años coas ovellas. Así era o refrán que dicía a miña avoa sempre nesta data. En fin, a ver se chega a facerse verdade para tod@s @s foreir@s, e que se queden co 2016 as molestias, lesións, baixóns, fluctuacións , etc...
De momento para mín o ano, segundo os datos acumulados en Tiramillas, acabou co mesmo número de saídas ca o ano pasado (138), pero 65 km menos de entreno. Ritmo medio máis o menos igual. Supoño que é diso do que se trata, de irse mantendo.
Non fago ningún propósito para este ano, si acaso intentar non acumular tantas semanas de só 2 saídas, e volver con regularidade a ese mínimo de 3. Queda por escrito, na confianza de que funcione unha vez máis que o que se escribe se cumple (é que esta semana volvin rematar con só días saídas).
Hoxe saín ás 9:45 da mañá. O Garmin di que a temperatura era de 2,2ºC. Certo que facía fresquiño, pero eu penso que no era tanto... Pensei que tería todo o asfalto para min soa. Supostamente a xente deportista estaría descansando da San Silvestre que lle tocase o día anterior , e o resto dos mortais repoñéndose dos excesos da noite de fin de ano. Pero non. O censo resultante foi mais ou menos:
- 4 taxis traendo de volta a casa a parellas de mozos con pinta de vir de" cotillón pijo"
- Unha señora soa nunha das paradas de bus con cara de ir a misa de 11
- Un par de paseantes de cans
- Un camión de bombeiros con pinta de recén saido da base, pero sen alarma. Será que os sacan a pasear para que non enferruxen, vai ti saber.
- Mocedade aleatoria noutra das paradas de bus, pero con pinta de ter estado de festa ó aire libre, exenta de taxas.
- 5 ou 6 puntos de acumulación de confetti de anaquiños de plástico polas beirarrúas.
- Unha esforzada ama de casa pasándolle a vasoira á súa beirarrúa eliminando confettis.
- 4 corredores trotando en dirección contraria a altura da Riouxa, tapados de forro polar ata as orellas, creo que algún quedou mirando para a miña indumentaria primaveral.
- 4 xubilados na parada de bus das Sete Torres, que non lles chegou con quedar mirando, senón que un deles sentiuse na "caballerosa obriga" de berrar "Así, así, dalle con xeito ás zapatillas" e cousas polo estilo... En fin , hai cousas que non cambiarán nunca neste país. Haberá a quen lle pareza que iso é normal, pero a min paréceme tan fora de lugar ... Alguén se imaxinaría ás vellas que esperan o bus dicíndolle algo ós ciclistas ou corredores que pasan de cando en vez, só porque van en camiseta de asas e con mallas?. Diríanlle algo os xubilados desta mañá a algún corredor que pasase?. Sei que a veces son sensible con estas cousas, pero cando corro gústame ser invisible e que me deixen tranquila.
Censos e incidentes a un lado, as molestias do glúteo dereito non deron tanto a lata. O venres a fisio amasou arreo na zona, e aconselloume uns exercicios de flexións cada 3 horas para traballar as lumbares a ver se da resultado. A verdade que estes dous días pouco me apliquei ó asunto co tema das festas, pero haberá que seguir e ver se funciona algo.
Crono desta primeira saída do ano: 49:40, a un ritmo de 5:35.
Mañá ximnasio, e non sei se terei exactamente sesión de entreno ou sesión de debate. O caso é que o luns pasado atendeume outro monitor distinto, nin Jota, nin Rubén, e meteulle caña de máis ó chaleco de electroestimulación. Por dúas veces tiven que dicirlle que lle baixara a intensidade ó trebello. Logo xa pasei, porque non quería ser pesada e porque máis ou menos me apañaba para facer a táboa de exercicios. Un erro pola miña banda, pois logo o mércores e xoves tiña o muslo esquerdo doente e agarrotado na zona en que estaba un dos electrodos. Estar de pé e baixar escaleiras resultaba case misión imposible. O meu "preparador físico" tranquilizoume explicando que se fose ruptura de fibras sentiría pinchazos e non sería capaz de andar. Tería que ser máis ben contractura... En calquera caso non ten sentido ir ó ximnasio e sair peor do que entras.
Non sei como será noutros ximnasios que se dediquen a isto , pero neste que vou están coa mentalidade de que é a máquina a que ten que traballar máis . Suponse que para rexenerar así a musculatura debilitada. Pero o que non ten sentido, desde o meu punto de vista, é obrigar ó corpo mais alá duns límites.
A min que me deixen ó meu ritmo e coa máquina a medio gas, e se con iso lles parece que non me adapto ó espíritu do ximnasio, pois que me rescindan a ficha de clienta. A ver en que queda o debate mañá.