Mér, 15 Xul 2015, 16:08
Asunto: Re: Diario de Meigalicix (reivindicando o 10%)
Primeira saída da semana. Chapela ás 7:30 da mañá. Boas sensacións pero resultados grises. 8900 m en 51:50 minutos, a un ritmo de 5:49 min/km.
No panorama, cabos soltos de diverso tipo, coas datas das vacacións como telón de fondo: Por unha banda vai para un mes que chamei ó concello polo tema da esterilización dos gatos okupas, e no dan sinais de vida. Son capaces de chamarme co tema de que veñen a atendernos o 13 de agosto que é cando marchamos.
Pola outra banda, falando cos colegas do barrio, entereime que a Carreira das Areas de Carnota este ano é o sábado 29 de agosto... e nos volvemos da viaxe de vacacións o xoves 27 case ás 12 da noite, se as distintas compañías aéreas das que dependemos non nos deixan tirados nalgún punto intermedio.
As cabras tiran ó monte, xa se sabe, e foi inevitable que se me encendese unha luceciña dentro nada máis escoitar as datas... Faleino co meu "preparador físico", pensando que tería un pouco mais de sentidiño ca min, pero en contra do que eu pensaba, díxome: " Mira que ben, que asi chegas a tempo para ir correr a carreira e ainda podemos pasar unha noite en Louro, total ata o 1 de setembro non entramos a traballar"... Desde logo no me podo queixar do apoio doméstico que teño nesta tolería miña.
O caso é que xa teño metido o formighillo no corpo, e ando xa a darlle voltas de como podo sacar 6 días de entreno entre o 13 e 27 de agosto, sabendo que a última saida que farei será o 25 de agosto, e que estarei 3 días sen correr ata a carreira, pero que teño que levar fondo de abondo para poder facela en 56 minutos ( logralo en menos xa me parecería un acto de heroísmo insospeitado).
Calquera sabe que pode pasar de aquí a alá, pero o caso é que a decisión xa está tomada, por todo canto dixen, e por unha razón máis, de peso definitivo: A edición deste ano recauda fondos solidarios para Asociación Española contra o Cancro. Polo que teño que estar o 29 de agosto en Carnota si ou si.