Mar, 31 Mar 2020, 22:24
Asunto: Re: Diario de Meigalicix (no taller)
Vinteún día sen pasar por aquí.Non sei moi ben por onde comezar a actualizar isto un pouco, que xa vai criando silvas, mentras outras persoas ides resistindo, por universos Matrix- coruños, ou sparklandianos, por Vietnam, por xardíns tomiñeses, con o sen papel hixiénico, por garaxes, escaleiras , ou na alfombra da sala...
Cantas veces temos feito aquí comentarios irónicos sobre as pequenas dimensións das "peceras" da favela. Dos ridículos 200 metros das pistas da ETEA para facer series. E agora, metidos na terceira semana de reclusión, só de imaxinalos, parecerían espazos abertos e infinitos, cal pampa arxentina, ou estepa siberiana.
O meu corpo sigue totalmente mimetizado coa situación. O resto do mundo está privado de facer entrenos, e solidariamente o xeonllo esquerdo segue a negarse a facer exercicio e volver á normalidade.
Despois da segunda recaída cando volvín por dous días ó ximnasio, decidín que o mellor sería facer exercicios de reforzo que non implicasen estar de pe nin flexionar. Coincidindo co inicio do estado de alerta, parecía que por fin conseguira un ritmo diario , "mentras se facían as tostadas", seguindo o consello de Nando. Pero a trampa do teletraballo acabou por abducirme unha vez máis. Os primeiros días marcarame un horario fixo, pero ó final, cando ven o groso das tarefas, e esas tarefas teñen que ser executadas en prazo, xa non hai horario que valga: hai que producir leve o tempo que leve. E sempre acabaron sacrificadas as táboas de exercicios.
En medio desa intermitencia, a semana pasada recibin unha chamada telefónica: " Estaba vostede anotada para rehabilitación dun xeonllo na nosa clínica. Pode vir este mércores ás 9 da mañá?" ... Poder podía, o que me desconcertaba era que seguisen con ese servizo aberto e non se dedicasen só a urxencias. Por aquelo de "non perder a vez" e non pasar ó fondo dunha lista de espera de futuro incerto, decidin acudir para explicar a miña situación.
Toda unha aventura. Como non estaba segura de como estaría de limitado o aforo dos autobuses a esa hora, achegueime andando, o que serviu para comprobar que unha andaina de 30 minutos a paso lixeiro é abondo para que o xeonllo esquerdo siga a protestar polo lado interno da articulación.
Unha vez alí, e xa na cabina de consulta coa fisio que me asignaron, a decisiòn tomada foi recibir físicamente esa primeira sesión (paquete standar- light - descafeinado de masaxe breve, corrientes e lámpara), e logo , tendo en conta que teño un octaxenario ó meu cargo , para non correr riscos, tocaría facer exercicios na casa con chamadas telefónicas semanais de consulta virtual.
Onte chegoume a táboa de exercicios por correo. Na listaxe aparecían, entre outros, exercicios de saltar a pata coxa, dar patadas a balóns, saltar a comba, e se xa tiña dúbidas, agora teño claro que a persoas que os mandou non se acabou de enterar ben do que pasa co meu xeonllo.
Ainda así, decidin ser positiva, e hoxe pola mañá, que por fin puiden sacar un tempo a primeira hora, probei a meter algún deses exercicios, combinados cos que xa facía. Pero claro, algúns deses exercicios eran de estar de pe, de flexionar, e aínda lle metin de postre 10 minutos de bici estática sen resistencia. E estiramentos.
Resultado: Esta tarde o xeonllo esquerdo xa volvía a ter algo de líquido.
Supoño que aínda me quedan semanas de traballo telemático e horarios flexibles. Tempo no que comezar de cero outra vez, e ir testando cada exercicio, un por un , comprobando cal é o que non me senta mal.
O que sí teño claro é que estou nun círculo vicioso : A articulación do xeonllo está moi débil e calquera cousa lle vai mal. Tería que facer exercicios dos músculos de arredor para que non sufra, pero é case misión imposible atopar exercicios que non comprometan a articulación. Nin agora co peche forzoso, nin no día en que volvan a abrir rúas, ximnasios e piscinas. Porque cando se pertence o club Hemoal, o da bici non é solución. E dar cunha piscina que non use cloro e poder coller sitio nela, é algo que esixiría un tempo do que neste momento non dispoño (se cadra dentro de catro anos , se chego a xubilarme, igual xa non me importa adaptarme a horarios e distancias en coche ou en bus).
A semana antes do estado de alerta viu Jota a casa en persoa (iso non ten prezo , para o demáis, a visa mastercadr). Faloume de exercicios para fortalecer os vastos. E segue convencido de que isto é un estado pasaxeiro, unha lesión máis que quedará atrás.
Despois desta recaída de hoxe, eu xa non estou segura de nada.
De todos xeitos , nestes días en que os mortos cóntanse por milleiros, e os ERTES e despidos multipícanse como o pole e as esporas, calquera cousa que me pase é irrelevante. E de abrir a boca, tería que ser para dar grazas do meu afortunado confinamento na favela, coas súas hortas e galiñeiros, co meu patio e o seu xardín, onde o meu pai ,libre de virus, pode saír a dar o seus paseos.