Dom, 07 Abr 2019, 20:31
Asunto: Re: Diario de Meigalicix (polo 20% e subindo)
Crónicas da favela: " Unha xornada particular" (XX Media Maratón Vigo- Baiona)
Non coma a de Sofia e Marcelo na película de Ettore Scola... se cadra a historia pode coincidir nun detalle : hoxe tamén había de fondo a voz dun líder con micro, arengando ás masas con moito fervor, pero tampouco é plan de comparar a Don Abel con Mussolini.
En fin, que cada Vig-Bay é especial, particular e diferente . Este ano houbo bastantes diferenzas coa anterior edición : o meu preparador físico tivo que quedar na casa. A miña archirrival xa hai tempo que deixou de selo por ter ascendido á élite popular, e á súa lebre ,por lesión, tocoulle este ano de facer de utillero, labor impagable nunha xornada coma ésta.
Á listaxe de diferenzas hai que sumarlle que nos quedamos sen fotokedada por falta de quórum. Hai que admitir que animar o paso da Maratón á mesma hora ten moito máis tirón. Polo menos si que poidemos facer a Carmafoto, unha cousa íntima e familiar se a imos comparar coa multitudinaria Carmafoto maratoniana que recibin ó móvil esta mañá cedo.
Pero a diferenza máis destacable para min era o meu estado de forma e de ánimo. A forma bastante flouxa , aínda que o glúteo esquerdo algo máis recuperado desde o xoves. O ánimo moi ansioso de sacarme a espiña do ano pasado, e poder rematar sen lesión, sen ampollas nos pes e facer algo digno de min. Sería xenial lograr ir todo o tempo a un ritmo de 5:25, soñar é de balde.
Dado o estado da correa do Garmin decidín non levalo, fiarme da cronometraxe da carreira e ir por sensancións... E sensacións tiven de sobra:
-Sensación de agobio, coma sempre, nos dous primeiros kilómetros , en medio de tanta xente con ritmos diversos.
-Sensación de saudade ó saír viva da costa de Canido, sniff, outros anos sempre había alguén do barrio alí animando, este ano nada.
- Sensación de tranquilidade cando de alí a pouco me rebasou
Montse saudando con alegría. Por unha banda encantada de saber que puido vir correr, e pola outra dicíndome a min mesma que se alguén da talla dela me adianta era o natural, e que o meu ritmo podía ser bo igualmente
- Sensación de preocupación cando o que me rebasou no km 6 foi un corredor , colega do meu utillero. Antes de tomar a saída dixo que era a súa segunda media, e que na de Coruña fixera un tempo de 2 horas e 4 minutos... "Ou moi rápido vai él ou moi lenta vas tí, Alicia espabila!".
- Sensación de recarga enerxética cando alguén do Carma animaba desde fora. Como corro sen gafas non controlo ben as caras. Só recoñecín a
Lisy antes de chegar a Nigrán, pero quedo agradecida a todos igualmente.Polos ánimos que me dan, e por ser o pedazo de equipo que son, tal e como demostraron hoxe.
- Sensación de sorpresa cando fun eu a que despois chegou á altura de
Andrés 61, a quen daba por perdido. Foi o único que aparecera para a fotokedada, pero logo marchou a quentar e xa non o localicei . Púxenme á par, era cómodo ir ó seu ritmo. El veña a dicir que ía moi xusto, que como moito para baixar das 2 horas e máis nada. Pero a miña percepción era que viña sendo el o que tiraba de min. Propúxenlle polo menos ir en asociación atlética ata Praia América, pero non chegou a asinar o contrato, e de feito non deberon pasar nin 2 km cando me dixo que tirara sin el.
-"Igual me volves a pasar máis adiante"
-"Moi probablemente"
-"Di que sí, avogado", díxenlle xa desde adiante.
Un kilómetro máis e xa estaba no meu punto favorito, a baixada a Praia América. De cerebro e de caixa perfecta, pero as pernas afeitas como están a non facer máis de 10km de cada vez, estaban a piques de facer folga. Mentras non sexa calambre non hai concesións, e o cerebro é o que manda. Houbo sorte, non facía gran cousa de vento na praia, e a chuvia era unha especie de substitutivo amable da karcher que hoxe non tiñan conectada os veciños, e todo ía seguindo o seu curso natural, algunhas persoas adiantabanme a min e eu ía rebasando a outras, sen pozas no chan, sen bochas nos pes, sen demasiadas molestias no glúteo.
Faltaba case só unha costa abaixo para os gaiteiros de Monte Lourido cando
Dr Slump saúda efusivamente desde atrás, contento de que lle deran permiso para correr, e ademáis indo a bo ritmo para baixar ben das 2 horas... Incombustible, saíndo dunha lesión e todo, danlle os folgos para meter ritmo como quere. Adiantoume un par de veces, e aínda que na recta de Sabarís acabei eu por diante , na chegada a Baiona a diferenza foi só de 9 segundos.
1:56:58 debaixo do arco. Pero o tempo neto foi 1:56:00. Facíame ilusión ter baixado de 1:55:00, a miña franxa habitual antes da lesión. Con todo iso , segundo o chip corrin máis de media carreira a ritmo de 5:26, o que fago ultimamente en carreiras de 10 km. E cheguei enteira.
Posto 2381 de 3584 na xeral
Posto 287 de 742 mulleres
Posto 6 de 16 veteranas de 55 a 59 anos
Pouco a pouco, o caso é seguir. Antes de que me dea conta, xa estarei correndo no 2020 a miña edición número X
Última edición por Meigalicix o Dom, 07 Abr 2019, 21:25; editado 1 vez