Ven, 15 Feb 2019, 12:13
Asunto: Re: Diario de Sonsuso
Como comentei na última mensaxe, entre o xeo e o descanso (pois nin luns nin martes saín correr) melloraron moito as molestias. O mércores saín cun amigo a rodar 30 minutos moi suaves (a 5:30/km) e ver que tal. Correndo todo ben, e sen cambios no día a día. É dicir, dores ao despertar e ao comezar a andar despois de estar moito tempo parado, pero pouco a pouco remitindo. Aínda así, preferín pedir cita no fisio. Xa non só polo aquiles, senón porque despois de 7 semanas do plan e pensando na media maratón da Coruña do domingo, parecíame boa idea. A cita era para onte xoves pola noitiña. Antes, a primeira hora da tarde, apetecíame saír a facer uns quilómetros polo bo tempo que había, e fixen 2km suaves e 2km a 3:50/km. Sen cambios. Igual tanto en molestias como en carencia delas.
Pola noitiña fun ao fisio e comentoume que non é exactamente o aquiles onde está o problema, senón na bursa, que está na unión entre o talón e o tendón. Díxome que está inflamada e que o mellor é baixar o volume e esixencia dos adestramentos durante varias semanas. Non parar de todo, pero si baixalo considerablemente. Comenteille o da media maratón do domingo, e entón a idea sería correr a Coruña21 e despois ter unhas dúas ou tres semanas moi suaves para darlle descanso e que así mellore.
Como di
ck13, nas vindeiras semanas farei iso, saír a correr cando me apeteza e a ritmos suaves que me pida o corpo. Supoño que non serán máis de 2-3 saídas á semana e que mezclarei con bicicleta estática. De feito, xa foi o que fixen mércores e xoves, saír porque hai ganas e sen estar pendente do reloxo. Ademais, estas semanas estou ata arriba de traballo, e buscándolle o lado bo, vaime vir ben para non ter a necesidade de buscar horas para adestrar e así ter os días máis relaxados.
-----------------
Respondo agora a Yomismo e Meigalicix:
Yomismo, sobre as ondas de choque non me comentou nada. Cando é así, e salvo que haxa algún motivo concreto para facelo, prefiro non dicir nada para non condicionar. Gústame que sexa el quen propoña a forma que considere máis acaída e evitar que me propoña algo polo mero feito de que eu o mencione. En calquera caso, se non melloro, si que llo comentarei. Sobre todo, ao dicirme que non é o aquiles senón a bursa, descoñezo se esta parte tamén acepta este tratamento. Moitas grazas polo consello e tomo nota, que eu sei pouco disto, e todo o que sexa información ou ideas agradécense
Moitas gracias polos ánimos
Meigalicix! Outra cousa non, pero a alegría non se pode perder
Hai que ter perspectiva e saber valorar as cousas. Por sorte, levo meses e meses nos que só hai melloras e nos que todo son boas novas neste diario, non me vou queixar agora porque estas semanas vaian ser así. De feito o que xa comentei, aproveitarei para tomarme con máis calma estas semanas e non estar tan afogado de tempo, e a nivel deportivo pois aproveitar para descansar e chegar ás últimas catro semanas do plan como unha rosa, que outros seguro que non van poder dicir o mesmo jejeje Outra cousa é o prezo que teña que pagar eu o 7 de abril, pero tirarei de experiencia e intentarei manter o tipo. Que non pense o señor Sanmikel que se vai librar tan fácil de min (eu paro por estas chorraditas e el aí sigue coas súas molestias, vaia valores ensina este diario...
jejeje).
----------------
Actualizo o diario:
Plan Maratón Vig-Bay: semana 7 (de 14)
Semana 2/5 do bloque 2/3 -> carga
Luns (11 de febreiro)
Descanso.
Martes (12 de febreiro)
Descanso.
Mércores (13 de febreiro)
30' moi suaves, a 5:30/km.
Xoves (14 de febreiro)
2 km suaves e outros 2 km rapidillos (a 3:50/km), e pola noitiña cita no fisioterapeuta.
Venres (15 de febreiro)
Descanso.