Calendario
Info da proba

Baio

17/05/2019 All Day Event
Regulamento Duatlón Cros e Andaina das Letras
Baio

1. Lugar da proba e data
A primeira edición do Duatlón Cros das Letras, organizada pola Asociación de Veciños Tabeirón de Baio, celebrarase o vindeiro venres 17 de maio de 2019 na localidade de Baio, na provincia da Coruña.
Tanto a saída como a chegada celebrarase na fermosa Carballeira de Baio (https://goo.gl/maps/y1CaqohnQEH2).

2. Probas e distancias
Haberá tres tipos de probas: unha andaina popular, a proba de Duatlón Cros e carreiras para os máis pequenos
TIPO DE PROBA
DISTANCIAS
ANDAINA
13,5 km
DUATLÓN CROS
6,5 km carreira a pé + 20,5 km BTT + 4 km carreira a pé
PEQUENOS
Por determinar

O Duatlón Cros transcorrerá coa Carballeira de Baio como eixo central do seu desenvolvemento, pero no percorrido tamén teremos outras singulares paraxes. Logo de atravesar a agra baiesa subiremos cara ao Monte Castelo, desde onde se pode contemplar todo o val, para despois baixar para o entorno do río, á beira do cal transcorrerán os últimos quilómetros.
A Andaina tamén terá a Carballeira como punto inicial e final, pero o río será o protagonista, xa que á súa beira dirixirémonos cara a outro lugar emblemático de Baio como é Pedra Vixía; despois iremos cara á zona do Allo, por Calabanda ata a zona de Daneiro, para volver por outro monumento singular como son as Torres do Allo. Os muíños serán outros dos protagonistas desta andaina camiño de novo da Carballeira.

3. Categorías
Establécense as seguintes categorías para o Duatlón Cros:
Individual: feminina e masculina
Parellas: feminina, masculina e mixta
En canto ás carreiras para os máis pequenos, así mesmo haberá tres categorías en función da idade:
Nenos nacidos entre os anos 2013 e 2015
Nenos nacidos entre os anos 2010 e 2012
Nenos nacidos entre os anos 2007 e 2009

4. Horarios das probas
Todas as probas terán como saída a Carballeira de Baio. Os horarios de saída serán os seguinte:
TIPO DE PROBA
HORA SAÍDA
ANDAINA
9:30
DUATLÓN CROS
10:30
PEQUENOS
13:00

5. Inscricións
Todas as inscricións realizaranse online na plataforma GaliTiming: www.galitiming.com, co seguinte custo e límite de prazas.
O período de inscricións alongarase ata o día 14 de maio, aínda que ata o día 7 de maio o prezo da inscrición será máis económico tanto na andaina como no Duatlón Cros, e este incrementarase dende as 24h do día 7 ata a data de fin de inscricións.
TIPO DE PROBA
ANDAINA
Prezo ata o 7 de maio: 5 €
Prezo do 7 ao 14 de maio: 7 €
Límite de prazas: 250

DUATLÓN CROS INDIVIDUAL
Prezo ata o 7 de maio: 9 €
Prezo do 7 ao 14 de maio: 12 €
Límite de prazas: 100

DUATLÓN CROS PARELLAS
Prezo ata o 7 de maio: 9€ POR PERSOA
Prezo do 7 ao 14 de maio: 12€ POR PERSOA
Límite de prazas: 75 PARELLAS

PEQUENOS
GRATUÍTO
Límite de prazas: 250

Non se poderán admitir inscricións incompletas ou fóra de prazo.
Unha vez rematada a proba e para finalizar a xornada con bo sabor, de forma opcional, organízase unha comida na mesma Carballeira co custo engadido de 8€ por persoa e de 4,5€ para os menores de 12 anos.
O menú definitivo, coas diferentes opcións, estará dispoñible no momento da inscrición.

6. Entrega de dorsais e chips
A entrega do dorsal e chip de alugueiro para a cronometraxe faranse o mesmo día da proba na zona de saída dende as 8:30 ata 15 minutos antes do comezo da proba.
Para o Duatlón Cros entregaranse dous dorsais, un para levar no tramo de carreira e bicicleta, así como un dorsal para fixar na bicicleta
O chip deberá ir colocado no nocello, e devolverse ao finalizar a proba.
No momento da entrega do dorsal e chip, farase entrega do obsequio correspondente así como o bono para a comida posterior.

7. Percorridos
A andaina terá un percorrido de 13,5 km aproximadamente con saída e chegada na Carballeira de Baio.
Respecto ao Duatlón Cros, terá, como é habitual neste tipo de probas, 3 fases, unha primeira fase de 6,5 km de carreira a pé, a continuación dúas voltas a un circuíto de 10,25 km en bicicleta de montaña, e para rematar unha última fase de 4 km de carreira a pé.
As transicións de todas as etapas faranse na mesma Carballeira, nas zonas habilitadas ao efecto.
A continuación detállanse os mapas e altimetrías dos distintos percorridos:
Primeiro tramo a pé:

Circuíto en bicicleta de montaña, dúas voltas a un circuíto de 10,25km aprox.

Segundo tramo a pé:

Estes percorridos poden ser modificados pola organización, ou recortados segundo estime oportuno por condicións climatolóxicas ou outras causas.

8. Material
A bicicleta debe cumprir co estándar de bicicleta de montaña, non estando permitido empregar bicicletas de ciclocrós.
Será obrigatorio o uso do casco durante o tramo de BTT.

9. Transicións
As bicicletas deixaranse nos boxes habilitados como mínimo 15 minutos antes do
comezo da proba, deixando o casco colgado na propia bicicleta.

Na competición individual, será obrigatorio entrar na zona de transición a pé, non sendo posible entrar encima da bicicleta.

Na competición por parellas, hai unha serie de normas a cumprir:
Haberá unha zona habilitada para o membro que espera o relevo e na que será obrigatorio facer o cambio de chip.
Na primeira transición, o ciclista deberá esperar nesa zona habilitada para facer o cambio de chip sen ter o casco colocado. Só unha vez que reciba o chip, poderá coller a súa bicicleta e poñer o casco.
Na segunda transición, o ciclista deberá colocar a súa bicicleta no box e deixar o casco; unha vez feito iso é cando se dirixirá á zona habilitada para facer o cambio de chip co seu compañeiro

10. Avituallamento
Na andaina haberá dúas paradas con avituallamento, a primeira será cun pequeno almorzo na zona de Pedra Vixía e a segunda con avituallamento sólido e líquido nas Torres do Allo.
En canto ao Duatlón Cros, haberá avituallamento líquido durante a carreira e líquido e sólido ao rematar a proba.

11. Obsequios e Trofeos
Para todos os inscritos antes do día 7 de maio haberá un obsequio, consistente nun cinto porta dorsais da marca 42k para os participantes na proba Duatlón Cros e unha bolsa-mochila para os asistentes á andaina e ás carreiras para os máis pequenos.
No Duatlón Cros, na proba individual, entregaranse trofeos aos tres primeiros clasificados tanto da categoría feminina como masculina, así como ao primeiro clasificado do Concello.
En canto á proba por parellas, entregarase trofeo á primeira parella feminina, á primeira parella masculina e á primeira parella mixta.
Na carreira para os pequenos haberá medalla para todos os participantes.

12. Duchas
Porase a disposición de todos os participantes os vestiarios do Estadio Municipal Platas Reinoso de Baio ao terminar a proba. Ubicación: https://goo.gl/maps/Uidvaaebisr

13. Dereitos de imaxe
O participante autoriza ao uso de fotografías propias sempre que o seu uso garde relación co evento no que se inscribe. Coa firma de inscrición o participante admite que o organizador poida facer uso da súa imaxe en calquera formato, xa sexa gráfico ou dixital e en todas as súas formas (radio, prensa, vídeo, foto, DVD, internet, carteis, medios de comunicación, etc.) e cede todos os dereitos relativos á súa explotación comercial e publicitaria que consideren oportuno executar, sen dereito pola súa banda a recibir compensación económica ningunha.

14. Aceptación do regulamento
Os participantes exoneran á organización de toda responsabilidade en caso de accidente ou lesión.
Formalizar a inscrición implica a aceptación deste regulamento. Calquera cuestión ou circunstancia non recollida nel será resolta pola organización.

Máis info no Facebook Duatlon das Letras Baio ou no correo duatlonbaio@gmail.com