Calendario
Info da proba

Pontevedra

22/10/2017 11:00 - 14:00
Regulamento PREVIO Á CARREIRA

1. DATA: O Concello de Pontevedra e a Sociedad Gimnástica de Pontevedra organiza o domingo 22 de outubro de 2017, a partir das 11,00 horas, o “XXII Medio Maratón Pontevedra CaixaBank 2017” de forma “individual” ou/e formando parte dun “equipo mixto 3”. Esta proba deportiva está engadido no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo e do Circuito de Carreiras de Pontevedra (CCCP).

2. PARTICIPANTES. Poderán participar todas aquelas persoas maiores de idade que o desexen, sempre que estean inscritas nos prazos establecidos ao efecto pola organización, e cumpran as condicións de participación.

3. CONDICIÓNS DE PARTICIPACIÓN. As persoas participantes comprométense a aceptar estritamente o presente regulamento e calquera posible modificación da proba, obrigada por causas alleas á vontade da organización. A realización da inscrición implica ter lido, entendido e adquirido os compromisos que a continuación se expoñen: - Certifico que estou en bo estado físico e teño pasado os pertinentes recoñecementos de saúde que me habilite para participar en competicións de longa duración. - Eximo de toda responsabilidade á organización que puidera derivar da miña participación no evento por asuntos vencellados coa perda de obxectos persoais por roubo (ou outras similares), agresións físicas,... e calquera outro motivo extradeportivo. - Autorizo a organización para a utilización da miña imaxe en publicacións, carteis,.... para a promoción do deporte. Calquera persoa inscrita poderá prohibir a utilización da súa imaxe previa solicitude expresa por escrito á Sociedad Gimnástica de Pontevedra (Pavillón Municipal de Deportes de Pontevedra, rúa Xoán Manuel Pintos, s/n (36005) de Pontevedra) ou no correo-e info@sgontevedra.com - Conforme á L.O. 15/1999, informámoslle de que os seus datos persoais pasarán a formar parte dun ficheiro, do que é responsable a Sociedad Gimnástica de Pontevedra. A finalidade do ficheiro é levar a cabo a xestión de datos para a Medio Maratón así como informarlle de futuras edicións. Se desexa exercitar os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición; poderá facelo dirixíndose por escrito á dirección sinalada no punto anterior, xuntando unha fotocopia do seu DNI. A Organización resérvase o dereito de rexeitar calquera inscrición que non acepte os termos e condicións que queden expostos no presente regulamento. En caso de dúbida, ou de xurdir algunha situación non reflectida no mesmo, estarase ao que dispoña a Organización. A Organización non será responsable de calquera lesión ou padecemento por imprudencia, neglixencia ou falta de forma física do/a atleta.

4. INSCRICIÓNS NO MEDIO MARATÓN PONTEVEDRA CAIXABANK 2017. Todas as categorías faranse en www.championchipnorte.com ata as 23:59 horas do día 17 de outubro de 2017 e non se admitirán inscricións posteriores. Para a carreira haberá dous prazos para inscribirse:


- Ata as 23:59 horas do 30 de setembro e na que o/a deportista pagará a cota “Reducida” de 15 € máis, de ser o caso, 1 € de aluguer de chip. - Dende o 01 de outubro e ata o remate do prazo de inscrición e na que o/a deportista pagará a cota “Xeral” de 20 € máis, de ser o caso, 1 € de aluguer de chip. No caso de que o/a deportista se inscriban como desempregado/a devolveráselle a cota de participación polo mesmo sistema de pago (non o aluguer do chip); a persoa beneficiaria terá que contar cun “Documento Acreditativo de Rexistro como Demandante de Emprego” (D.A.R.D.E.) dun Servizo Público de Emprego en vigor ese día (que terá que presentar inescusablemente ao recoller o seu dorsal). En caso da non presentación do documento acreditativo, non se lle devolverá a cota de participación. As persoas inscritas no Circuíto de Carreiras de Pontevedra 2017 xa teñen a inscrición pagada polo que non terán que formalizar a súa, e só terán que ter actualizada as súas marcas deportivas en ChampionchipNorte, en caso de querer acceder aos caixóns preferentes. A inscrición da carreira é persoal e intransferible. Non se admitirán devolucións da cota de participación excepto en caso de lesión, ou enfermidade, si se presenta un certificado médico á Organización, antes do 21 de outubro. En caso contrario, non se fará o reembolso. Para a carreira por EQUIPOS MIXTOS DE 3 os compoñentes do equipo deberán estar inscritos/as previamente de xeito individual na propia web, un/ha dos tres atletas sinalarase “capitán/a” que será o encargado de crear o equipo, e enviar e xestionar as invitacións aos outros/as compoñentes do equipo, sempre dentro da web de ChampionchipNorte. Para máis información no enlace www.championchipnorte.com/ayudaequipos O EQUIPO MIXTO 3 terá que estar formado por alomenos un home e unha muller, e puntuarán as tres persoas ao seu paso por liña de meta, coa suma dos tempos dos tres compoñentes. A clasificación dos “Equipos Mixtos 3” determinarase pola suma dos tempos totais dos 3 membros do equipo que entren en liña de meta, en caso de que algún deportista dese equipo non entre en liña de meta sumaráselles o tempo do último deportista que entre, por cada deportista que falte do equipo.

5. ACCIÓN SOCIAL. Voluntariamente todas os deportistas e persoas da Organización que desexen colaborar coa Rede Axuda poderán facelo entregando un produto alimenticio non perecedeiro xusto no momento de recoller o seu dorsal que entregaremos no seu nome a esta Institución (preferentemente aceite, leite, conservas,...).

6. PERCORRIDO DE RECOÑECEMENTO PREVIO. A tradicional “quedada” a unha volta de todo o percorrido, será o martes 17 de outubro ás 20.00 horas, é de acceso libre, e sairá de diante da porta principal do Centro Galego de Tecnificación Deportiva. O ritmo de carreira será moi asequible e pensado para dar a coñecer todo o percorrido. Prégase acudir con prendas exteriores de cores chamativos.

DURANTE A XORNADA DA CARREIRA

7. GARDARROUPA. Antes da saída os/as participantes terán un servizo de gardarroupa a súa disposición no Pavillón Universitario.

8. A ENTREGA DE DORSAIS E CHIPS. Farase no Pavillón Universitario (Maxisterio) na r/ Padre Gaite o día venres 20/X de 17.00 a 20.30 e o sábado 21/X de 10.30 a 13.30 horas e de 17.00 a 20.30 horas. Excepcionalmente o día da proba de 08:30 horas a 10:00 horas, só para as persoas que veñan de fora da comarca.

9. CAIXÓN PREFERENTE. Haberá dúas zonas preferentes reservadas para todos os deportistas - A primeira zona (dorsal de cor amarelo) será diante da saída, para os que acrediten unha marca inferior a 1 hora, 20 minutos e 00 segundos, e para as mulleres que acrediten un tempo inferior a 1 hora, 42 minutos e 00 segundos. - A segunda zona (dorsal de cor azul) será para os homes que acrediten unha marca entre 1 hora, 20 minutos e 01 segundos e 1 hora, 40 minutos e 00 segundos, así como para as mulleres que acrediten unha marca entre 1 hora, 42 minutos e 01 segundos e 1 hora, 52 minutos. Haberá que indicar o lugar e data de consecución. Dita marca tivo que ser obtida nos últimos 24 meses nunha carreira de medio maratón; e as persoas inscritas no Circuíto de Carreiras de Pontevedra 2017 que queiran acceder aos caixóns preferentes terán que ter actualizada a súa marca en medio maratón en ChampionchipNorte.

10. SERVIZOS SANITARIOS E SEGURO DE ACCIDENTES. Todos as persoas participantes estarán cubertas cunha póliza de “Seguro de Responsabilidade Civil” e dun “Seguro de Accidentes”. Haberá dúas ambulancias e dous médicos para a atención.

11. PERCORRIDO. Terá unha lonxitude de 21.097 metros, homologado pola Real Federación Española de Atletismo, nun circuíto urbano pechado sobre asfalto ao que se lle dará dúas voltas. Cada kilómetro sinalizarase visualmente, e o tempo máximo para percorrer a distancia será de 2 horas e 25 minutos. A chegada será na pista de atletismo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (C.G.T.D.) de Pontevedra. A SAÍDA será dende a ponte dos Tirantes (dirección Marín), de seguido Avd. de Bos Aires, Avda. Uruguay, Corbaceiras (xiro de 180º, frente a praza do Gremio dos Mareantes), Corbaceiras, Avda. Uruguay, Avda. Bos Aires, travesía Galera, rúa Arzobispo Malvar, Praza de España, Marqués de Riestra, Praza San Xosé, rúa Augusto González Besada, praza de Galicia, Augusto García Sánchez (polo carril de sentido contrario a circulación), rúa Xeneral Rubín, paseo de Valle Inclán, Iglesias Vilarelle (accédese despois da intersección coa rúa Taboada Nieto), Alcalde Hevia, San Pedro Alcántara, Peregrina, Andrés Mellado, Andrés Muruáis, Peregrina, praza da Peregrina, Odriozola, rúa dos Soportais, praza de Curros Enríquez, rúa Real, praza Celso García de La Riega, Valentín García Escudero, Avda. Bos Aires, rúa Padre Gaite, Padre Fernando Olmedo, Camiño Vello de Castilla, atravesamos a rúa Jose Malvar pola zona Norte da rotonda, entramos no vial superior de TAFISA, ata a av. de Bos Aires (incorpórase a mesma xirando a dereita), xiro de 180º xusto antes da ponte vella do tren, Avda. de Bos Aires, rotonda da ponte dos Tirantes (comeza a segunda volta).

Despois do segundo xiro ao circuito, ao chegar a rotonda da ponte dos Tirantes, deixala a dereita para entrar na rúa Padre Gaite, Padre Fernando Olmedo, acceso a pistas de atletismo do CGTD, os atletas correrán pola rúa 1 da mesma, para dar case unha volta completa e chegada a META.

12. AVITUALLAMENTO. Cada 5 quilómetros disporase da auga necesaria.

13. DESCUALIFICACIÓNS. O servizo médico da competición, ou o persoal de Organización, están facultados para retirar da carreira a calquera atleta que manifeste un mal estado físico evidente, que non realice o percorrido completo, que non teña dorsal, que manipule a publicidade do dorsal, que manifeste un comportamento non deportivo, que se reitere en protestas ante a Organización ou non cumpra o tempo máximo de remate. Todos os deportistas que non pasen nos seguintes tempos máximos polos seguintes quilómetros terán que deixar o circuíto e a proba nese mesmo momento. - Quilómetro 10 Km. nun tempo máximo de 01 horas 10 minutos e 00 segundos - Liña de meta nun tempo máximo de 02 horas e 25 minutos e 00 segundos.

14. CHIP. Estableceranse controis de cronometraxe “alfombras” de Chip por todo o percorrido co propósito de verificar que todos os/as atletas cobren a totalidade do percorrido no mesmo sentido da carreira. Estes controis rexistrarán tamén os tempos de paso parciais e totais, polo que é obrigatorio pasar por enriba das alfombras de cronometraxe dispostas ao longo do percorrido. Os atletas que non teñan todos os rexistros no orden axeitado serán descualificados. Na zona de meta haberá recipientes para a devolución do chip. A non devolución do chip supón non entrar na clasificación final e polo tanto a perda dos dereitos a agasallos, premios e trofeos, así como unha penalización de 30 (trinta) euros.

15. REGULAMENTOS. O Medio Maratón Pontevedra CaixaBank 2017 está engadido no calendario oficial do Circuíto de Carreiras Pedestres de Pontevedra 2017 (CCCP) e rexerase polo alí disposto xunto ao presente regulamento.

16. PERSOAS NON INSCRITAS. Toda aquela persoa que corra sen estar inscrita, faino baixo a súa responsabilidade e non estará cuberta pola Organización. Se é advertida a súa presenza se lle instará a abandoar o circuíto.

POSTERIOR Á CARREIRA

17. OUTROS. Na liña de meta, os participantes terán un servizo de duchas, unha bolsa de produtos alimenticios, bebidas, servizo de fisioterapia, servizo médico,...

18. PREMIOS. Recibirán trofeo os tres primeiros clasificados de cada categoría individual masculina e feminina; os tres primeiros “Equipos Mixtos 3” recibirán medallas. Establécense os seguintes premios en metálico para a categoría absoluta: 1º 2º 3º 4º 5º ABSOLUTA MASCULINA 300 € 200 € 100 € 80 € 50 € FEMININA

Premios aos corredores locais:
1º 2º 3º LOCAL MASCULINA 100 € 50 € 25 € FEMININA

Será considerado deportista local calquera inscrito que esté nalgún dos seguintes casos: - Nado en Pontevedra (segundo o seu DNI)

- Empadroado/a en Pontevedra (segundo o DNI ou certificado de empadroamento) - Pertenza a clubes federados de atletismo no Concello de Pontevedra. Ningún deportista poderá acumular dous premios en metálico. Para ter opción aos premios en metálico é requisito imprescindible facer un tempo igual ou inferior a 1 hora 14 minutos en homes e 1 hora 30 minutos en mulleres. Requerirase o D.N.I. ou documento análogo, aos atletas premiados. A clasificación dos “Equipos Mixtos 3” determinarase pola suma dos tempos totais dos 3 membros do equipo que entren en liña de meta, en caso de que algún deportista dese equipo non entre en liña de meta sumaráselles o tempo do último deportista que entre, por cada deportista que falte do equipo.

19. PROTOCOLO DE PREMIACIÓN. A cerimonia de entrega de premios do Medio Maratón Pontevedra CaixaBank 2017 efectuarase a partir das 13.30 horas na zona de meta (C.G.T.D. Pontevedra). Os atletas con dereito aos premios deberán estar presentes na mesma, podendo delegar noutra persoa; se non estivesen presentes, entenderase que renuncian ao premio material e económico. Para mais información en Facebook https://www.facebook.com/mediomaratondepontevedra ou www.sgpontevedra.com