Calendario
Info da proba

San Xiao

08/01/2017 11:00 - 13:00
Regulamento XXXIV CARREIRA POPULAR SAN XIAO

A XXXIV CARREIRA POPULAR SAN XIAO, organizada pola Concellería de Deportes do Concello de Ferrol co control técnico da Delegación en Ferrol da Federación Galega de Atletismo, terá lugar o domingo 8 de xaneiro de 2017 a partir das 11.00 h da mañá. A proba está suxeita ás seguintes normas:

1. A saída e a chegada situaranse nas proximidades do Pavillón Municipal de Esteiro.

2. A proba discorrerá por un circuíto de acordo co plano deseñado.

3. A organización contará coa axuda da Policía Local, Protección Civil, persoal do Servizo de Deportes e voluntarios, que regularan o tránsito o longo do percorrido.

4. Prohíbese o acompañamento dos participantes e o uso de coches de apoio. O incumprimento desta norma implicará a inmediata descualificación dos corredores que a infrinxisen. Os únicos vehículos autorizados que poderán seguir a proba serán os das forzas de seguridade e os de apoio a organización, que contarán con roupa apropiada e visible.

5. A proba estará controlada polo Comité Galego de Xuíces, que establecerá os correspondentes controis ao longo do circuíto.

6. O percorrido estará sinalizado como mínimo cada quilómetro.

7. No percorrido estableceranse controis, así como un posto de avituallamento.

8. O control de chegada pecharase unha hora despois de que entre en meta o primeiro clasificado. Cando un participante exceda o tempo previsto de peche de control (unha hora dende que entre o primeiro clasificado), será avisado pola organización e deberá subir ao coche oficial que pecha a carreira e abandonar a proba coa fin de non entorpecer o tráfico automobilístico e o desenvolvemento da propia actividade. No caso de continuar, farao baixo a súa responsabilidade,
debendo cumprir as normas e sinais, e considerarase un usuario máis da vía, e quedará eximida a organización de toda responsabilidade do que puidese acontecer (Regulamento xeral de circulación R.d. 1428/2003).

9. A Organización ten subscrito un seguro colectivo de accidentes e responsabilidade civil. De todos os xeitos, a Organización recoméndalles aos participantes que, con anterioridade á proba,
efectúen un recoñecemento médico específico e que realicen un adestramento axeitado para as características desta competición.

10. CATEGORÍAS:
10.1.- CATEGORIAS ABSOLUTAS:
Establécense as seguintes categorías masculinas e femininas:
 Xuvenil mulleres e homes nados nos anos 2000 e 2001
 Júnior mulleres e homes nados nos anos 1998 e 1999
 Promesa mulleres e homes nados nos anos 1995, 1996 e
1997
 Sénior de 1994 a 1983
 Veterano 1 de 1977 a 1982
 Veterano 2 de 1976 a 1968
 Veterano 3 de 1967 a 1958
 Veterano 4 de 1957 a 1902
 Cadeira de rodas*
 Handbike*
 Discapacitados visuais*.
* Considéranse categorías non oficiais da F.G.A.
O percorrido será de 10.000 metros aproximadamente, e discorrerá polo Concello de Ferrol.
Inscricións. As inscricións das categorías absolutas poderán efectuarse a partir do día 19 de decembro ata as 22.00 h do día 3 de xaneiro a través da páxina web habilitada pola organización ou ata o fin de dorsais. Poranse a disposición das persoas interesadas un máximo de 1.000 dorsais.
Non se admitirá outra vía de inscrición que a sinalada anteriormente.
A retirada de chips e dorsais poderase efectuar ao longo do sábado 7 (de 9.30 a 13.30 e de 16:00 a 20:00) no Pavillón polideportivo da Malata así como o domingo 8 de xaneiro, dende as 8.00 ata as 9:30 horas no pavillón de Esteiro.
O acto de recollida de dorsal e chips entenderase como confirmación da participación.
A organización non se fai responsable das consecuencias derivadas dunha inscrición defectuosa ou errónea por parte dos corredores ou a persoa na que deleguen.
No caso dos atletas discapacitados, deberán facer constar a circunstancia no momento da inscrición así como entregar copia da licenza coa valoración da discapacidade recoñecida.
CADEIRAS DE RODAS E HANDBIKE
As cadeiras deberán ter un mínimo de 2 rodas grandes e 1 pequena.
Non se permitirá a participación en cadeiras de rodas de paseo, que non foran deseñadas para a actividade de atletismo.
Os atletas aseguraranse que ningunha parte dos seus membros inferiores toquen o chan durante a carreira.
Será responsabilidade do competidor que a cadeira de rodas estea conforme ás regras enriba indicadas e de non demorar a carreira mentres fai os axustes á cadeira.
Todos os atletas en cadeiras de rodas levarán obrigatoriamente casco durante toda a carreira.
O desprazamento mediante algún método, excepto o empuxe do corredor sobre as rodas ou aros de impulsión suporía a descualificación.
DISCAPACIDADE VISUAL
Todos os atletas deberán obrigatoriamente participar cun guía. Este guía identificarase cun peto de cor brillante facilitado pola organización. Se algún atleta con discapacidade visual no ten guía, a organización no lle permitirá participar na proba, por motivos de seguridade.
Cando o corredor con discapacidade visual cruce a liña de chegada o guía deberá estar por detrás del.
O método de guía poderá ser elixido polo atleta. Poderá escoller entre ser dirixido por un guía que lle suxeite o cóbado, ou por medio de atadura ou ben correr sen suxeición. Non se permitirá soster o atleta, suxeitarase da súa roupa ou atar as mans do atleta coas dos guía. A atadura deberá deixar un espazo de polo menos 5 cm entre as mans do atleta e as do guía. Ademáis o corredor
poderá recibir instrucións verbais do guía.
Os guías non poderán usar bicicleta ou outros medios mecánicos de transporte.
O guía non poderá en ningún momento tirar do atleta ou empurralo para darlle impulso. A infracción suporá a descualificación.
Independentemente de que se empregue atadura ou non, entre o atleta e o guía non poderá haber en ningún momento unha distancia maior de 0,50 m.
10. 2.- CATEGORÍAS ESCOLARES
Establécense as seguintes categorías masculinas e femininas:
 Benxamín Nados/as nos anos 2008 e 2009
 Alevín Nados/as nos anos 2006 e 2007
 Infantil Nados/as nos anos 2004 e 2005
 Cadete Nados/as nos anos 2002 e 2003
As distancias para percorrer por categoría serán as seguintes:
HORA CATEGORIA DISTANCIA
* Cadetes masculino / feminino 3.000 mts aprox.
* Infantil masculino/ feminino 2.000 mts aprox.
* Alevín masculino/ feminino 1.000 mts aprox.
* Benxamín masculino/ feminino 700 mts aprox.
* Pendente de confirmación a consultar na web da delegación ferrolá da Federación Galega de
Atletismo www.fgatletismo.es/ferrol,
Na categoría escolar son de aplicación as Bases do XVII Circuíto Ferrolán de Carreiras Populares e de Campo a través (esta proba está incluída dentro do circuíto).
INSCRICIÓNS. Para participar nesta proba, deberanse inscribir os participantes a través da seguinte dirección no formulario da páxina Web da delegación www.fgatletismo.es/ferrol, o máis tarde, o mércores anterior á carreira.
Lembramos que a carreira popular XXXIV CARREIRA POPULAR SAN XIAO é tamén unha proba do XVII Circuíto Ferrolán de Carreiras Populares e Campo a Través, evento que forma parte do Programa Xogade, polo que será requisito indispensable de cara á participación e puntuación no citado circuito1, inscribir os nenos no programa www.deporteescolargalego.com.
Así mesmo lembramos que no caso dos colexios, tal e como describe o art. 4 do Regulamento do XVI Circuíto Ferrolán de Carreiras Populares e Campo a Través, ademais de efectuar a inscrición de cada un dos participantes, só para nenos/as participantes co seus clubs ou colexios no XVI Circuíto Ferrolán de Carreiras Populares e de Campo a través deberase remitir un listado por categoría e sexo de todas as persoas participantes de cada centro, que deberá estar asinado polo/a director/a de cada centro, ao Negociado de Deportes do Concello de Ferrol o máis tarde o mércores anterior á xornada.

11.- Premios. A organización premiará as tres primeiras persoas clasificadas de cada categoría das absolutas e escolares. A entrega de trofeos realizarase ás 13:00 h.

12.- Dado o espírito estritamente deportivo e popular desta proba, non se admitirán reclamacións.

13.- O Concello de Deportes do Concello de Ferrol e a Federación Galega de Atletismo non se fan responsables dos danos morais ou materiais sufridos polas persoas participantes nesta proba ou que estas ocasionen a outras persoas.

14.- A organización poderá modificar este regulamento ou o circuíto polo que discorrerá a carreira sen aviso previo. Así mesmo, resérvase a facultade de decidir sobre calquera circunstancia ou aspecto que non se considere neste regulamento.

15.- Ao se inscribiren, todos os corredores aceptan a publicación do seu nome e a súa imaxe nas clasificacións, medios de comunicación ou en nternet. De igual maneira, mediante a inscrición o/a corredor/a consente expresamente que os seus datos sexan empregados pola organización para comunicacións respecto da súa actividade.
En calquera caso, tal e como establece a Lei de protección de datos de carácter persoal, as persoas interesadas poden exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición a través dun escrito ou correo electrónico dirixido ao Servizo de Deportes do Concello de Ferrol, praza de Armas s/n, 15402 Ferrol.

16.- Coa inscrición na proba enténdense aceptadas todas as normas e demais consideracións reflectidas neste regulamento.

17.- Disporase de servizo de duchas e gardarroupa no Pavillón Municipal de Esteiro.