Calendario
Info da proba

Redondela

28/06/2015 All Day Event
Regulamento VIII Carreira Popular Concello de Redondela
CARREIRA ABSOLUTA

Data: domingo 28 de xuño.

Hora: 11:00 h.

Distancia: aproximadamente 6,5 Km

Lugar: Concello de Redondela (saída e meta sita diante da Casa do Concello).

Organiza: Concellaría de Deportes - Concello de Redondela, coa colaboración da ASOCIACIÓN DEPORTIVA CAR (Club Atletismo de Redondela).

Inscricións: a través de https://championchipnorte.com/evento?search=redondela ata as 24:00 horas do 25 de xuño de 2015. Tamén de xeito presencial cubrindo o formulario, e na Zapatería Susuela (rúa Adro, 32).
Máis información nas páxinas web: https://championchipnorte.com/, www.correrengalicia.org,
http://car-asociondeportiva.es.tl/ , ou https://www.facebook.com/asociaciondeportivacar?ref=hl

REGULAMENTO DA CARREIRA ABSOLUTA

1) A saída e a chegada situaranse diante da Casa do Concello de Redondela.

2) A VIII Carreira Popular Concello de Redondela terá carácter non competitivo.

3) A inscrición na proba suporá a total aceptación deste regulamento por todos e todas as atletas participantes.

4) A organización contará coa colaboración dos organismos municipais competentes, que regularán o tráfico ao longo do percorrido.

5) O Concello de Redondela e a Asociación deportiva CAR non se fan responsables dos danos morais, materiais ou físicos que poidan sufrir as persoas participantes nesta proba, aínda que porán todos os medios dos que se dispoñan para solucionar os imprevistos que poidan xurdir durante a proba.

6) A proba contará co preceptivo seguro de responsabilidade civil, ademais dun seguro individual de accidentes por corredor/a vinculado á inscrición. O seguro é persoal e intransferible, polo que a cesión do dorsal a unha terceira persoa distinta da inscrita implica a non cobertura de dito seguro.

7) Será obrigatorio lucir o dorsal tal e como o facilita a organización, quedando prohibido dobralo ou cortalo. Tamén se deberá levar o chip debidamente atado nos cordóns das zapatillas. O incumprimento deste artigo será motivo de descualificación.

8 ) O chip entregado pola organización tense que devolver obrigatoriamente á mesma ao finalizar a carreira, así como no caso de retirada ou non participación na proba. No caso de que non se devolva, a organización cobrará 10 euros á persoa participante pola súa perda ou non devolución. Ao finalizar cada unha das probas é obrigatoria a entrega do chip nunha zona habilitada tras cruzar a liña de meta. As persoas posuidoras do chip amarelo ChampionChip, deberán participar co seu.

9) Será motivo de descualificación directa correr sen dorsal ou sen chip, suplantar a un corredor ou falsificar os datos da inscrición.

10) Para poder participar na proba absoluta será necesario ser maior de 16 anos.

11) Establécense as seguintes categorías:

Categoría A B C
Masculina 16 a 34 anos 35 a 50 anos máis de 50 anos
Feminina 16 a 34 anos 35 a 50 anos máis de 50 anos

12) Premios: haberá trofeos para os tres primeiros clasificados da orde xeral, para os tres primeiros de cada categoría, para os tres primeiros veciños e as tres primeiras veciñas de Redondela. Ademais haberá tamén un agasallo para o corredor e a corredora con máis idade en chegar á meta. Os trofeos non serán acumulativos.

13) Polo seu carácter estritamente deportivo e popular, non se admitirán reclamacións.

14) Disporase de coche-vasoira para as persoas que por algunha razón non poidan ou non desexen rematar a proba.

15) Ao remate da proba facilitarase o avituallamento sólido e líquido axeitado.

16) Existirán servizos de vestiarios e duchas a disposición dos corredores na Piscina Municipal de Redondela, e no Pavillón Municipal de Redondela.

17) As inscricións poderanse facer a través da central de inscricións habilitada na páxina web da empresa encargada da cronometraxe https://championchipnorte.com/ ata as 24:00 horas do 25 de xuño. A forma de pagamento será mediante a pasarela de pago, con uso de tarxetas de crédito habilitadas para PAGOSEGURO por Internet.

18) Tamén haberá a posibilidade de facer a inscrición de xeito presencial en Susuela (rúa Adro, 32), cubrindo o formulario habilitado e realizando o pagamento en efectivo da inscrición.

19) Todas as inscricións deberán incluír o número do DNI con letra, nome e apelidos, data de nacemento completa, localidade e provincia. Tamén o teléfono de contacto e o correo electrónico se se desexa.

20) A inscrición terá un custo de 3 euros, dos que 1 euro será doado á Asociación de atención a persoas con enfermidades mentais LENDA, e os 2 € restantes corresponden aos dereitos de inscrición e seguro.

21) Ademais terán que pagar 1 euro polo aluguer do Chip no caso de non seren propietarios do mesmo. As persoas propietarias de chip non pagarán o aluguer.

22) Non se aceptarán inscricións fóra de prazo ou sen todos os datos obrigatorios.

23) As persoas que non aparezan o 26 de xuño nos listados definitivos da web da empresa encargada da cronometraxe, non estarán correctamente inscritas.

24) Os dorsais poderanse recoller o sábado 27 de xuño de 17:00 a 20:00 horas no Multiúsos da Xunqueira de Redondela, ou de 09:00 a 10:30 horas do día da proba na zona de saída, situada diante da Casa do Concello.

25) O horario de saída da carreira absoluta será ás 11:00 da mañá, debendo estar os participantes na liña de saída 10 minutos antes do comezo da proba. A organización da proba resérvase a potestade de adiantar a saída da proba, se as condicións meteorolóxicas o aconsellasen, avisando cunha semana de antelación de dita modificación.

26) Conforme á LO 15/1999, os datos persoais recollidos pasarán a formar parte dun ficheiro, do que é responsable a Asociación Deportiva CAR. A finalidade do ficheiro é xestionar os datos para a proba, así como informar ás persoas participantes de futuras edicións. Se desexa exercitar os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderá facelo dirixíndose por escrito á dirección sinalada no punto anterior, xuntando unha fotocopia do seu DNI.

27) Autorízase á organización para a utilización de calquera imaxe obtida durante a proba en publicacións, carteis e medios dixitais, a excepción das imaxes de menores.

28) Todo o non previsto no presente Regulamento resolverase segundo o criterio da organización.
REGULAMENTO DA CARREIRA DE NENOS


1) A VIII Carreira Popular Concello de Redondela de categorías menores será de carácter benéfica con CÁRITAS, e NON TERÁ CARÁCTER COMPETITIVO nas categorías Pitufos, Prebenxamín e Benxamín. Haberá trofeos para os/as tres primeiros/as clasificados/as nas categorías Alevín, Infantil e Cadete.

2) As inscricións das menores deberán facelas os/as pais/nais, titores/as ou responsables da menor, cubrindo e asinando o impreso habilitado. A inscrición das menores será de 1 quilo de comida non perecedoira, que se entregará no momento da retirada do dorsal.

3) A inscrición na proba suporá a total aceptación deste regulamento polas persoas responsables da menor.

4) A organización contará coa colaboración dos organismos municipais competentes, que regularán o tráfico ao longo do percorrido.

5) QUEDA EXPRESAMENTE PROHIBIDO CORRER A CARÓN DA MENOR OU INVADIR O CIRCUÍTO DURANTE A CARREIRA.

6) O Concello de Redondela e a Asociación deportiva CAR non se fan responsables dos danos morais, materiais ou físicos que poidan sufrir as participantes nesta proba. Aínda así porán todos os medios dos que se dispoñan para solucionar os imprevistos que poidan xurdir durante a proba.

7) A proba contará co preceptivo seguro de responsabilidade civil, ademais dun seguro individual de accidentes por corredor vinculado á inscrición. O seguro é persoal e intransferible, polo que a cesión do dorsal a unha terceira persoa distinta da inscrita, implica a non cobertura de dito seguro.

8 ) Disporase de vehículo-vasoira para aquelas menores que por algunha razón non poidan ou non desexen rematar a proba.

9) Establécense as seguintes categorías que terán que percorrer cadansúa distancia:
PITUFOS - De 0 a 5 anos (nados de 2010 a 2015 ) Distancia => 50 m.
PREBENXAMÍN - De 6 a 7 anos(nados de 2008 a 2009 ) Distancia => 100 m.
BENXAMÍN - De 8 a 9 anos (nados de 2006 a 2007) Distancia => 200 m.
ALEVÍN - De 10 a 11 anos (nados de 2004 a 2005) Distancia => 500 m.
INFANTIL - De 12 a 13 anos (nados de 2002 a 2003) Distancia => 750 m.
CADETES - De 14 a 15 anos (nados de 2000 a 2001) Distancia => 1.500 m.

10) Horarios, circuítos e saídas:
10:15 h – ALEVÍN - Distancia => 500 m (saída dende o Concello, ½ volta pequena)
10:25 h – INFANTIL - Distancia => 800 m (saída dende o Concello, ½ volta longa)
10:40 h – CADETE - Distancia => 1.500 m (saída dende o Concello, 2 x ½ volta longa)
12:00 h – BENXAMÍN - Distancia => 250 m (saída dende A Farola)
12:05 h – PREBENXAMÍN - Distancia => 100 m (saída dende A Imprenta - Meta no Concello)
12:15 h - PITUFO - Distancia => 50 m (saída dende Xoán Crespo - Meta no Concello)


11) A organización resérvase o dereito de fragmentar en varias saídas calquera das categorías se por motivos de seguridade o número de participantes desaconsellase facer unha única saída. Neste caso agruparanse as saídas en función dos anos de nacemento das menores.

11) Premios: haberá medalla para todos os nenos e nenas que crucen a meta.

12) Será obrigatorio lucir o dorsal tal e como o facilita a organización, quedando prohibido dobralo ou cortalo. Non se permitirá correr a ningunha menor sen o seu dorsal correspondente.

13) As inscricións poderanse facer a través da central de inscricións habilitada na páxina web da empresa encargada da cronometraxe https://championchipnorte.com/ ata as 24:00 horas do 25 de xuño.

14) Tamén haberá a posibilidade de facer a inscrición de xeito presencial en Susuela (rúa Adro, 32), cubrindo o formulario habilitado.

15) En todo caso, será preciso para todas as inscricións das menores que sexan feitas polo pai/nai, titor/a ou responsable da menor, cubrindo e asinando o impreso habilitado, no que se incluirán o DNI, nome e apelidos da responsable, e nome, apelidos e data de nacemento da menor. Ademais da localidade, provincia, teléfono de contacto e correo electrónico se o desexa.

16) Polo seu carácter estritamente deportivo e popular NON SE ADMITIRÁN RECLAMACIÓNS.

17) Ao remate facilitarase o avituallamento sólido e líquido axeitado.

18) Existirán servizos de vestiarios e duchas a disposición das participantes na Piscina Municipal de Redondela e no Pavillón Municipal de Redondela.

19) Non se aceptarán inscricións fóra de prazo ou sen todos os datos obrigatorios.

20) Todas as persoas que non aparezan o xoves 26 de xuño nas listaxes definitivas da web da empresa encargada da cronometraxe, non estarán correctamente inscritas.

21) Os dorsais poderanse recoller entregando o quilo de comida non perecedoira o sábado 27 de xuño de 17:00 a 20:00 horas no Multiúsos da Xunqueira de Redondela, ou de 09:00 a 10:30 horas do día da proba na zona de saída, situada diante do Concello.

22) Conforme á LO 15/1999, os datos persoais recollidos pasarán a formar parte dun ficheiro do que é responsable a Asociación Deportiva CAR. A finalidade do ficheiro é xestionar os datos para a proba, así como informar de futuras edicións. Se desexa exercitar os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, poderá facelo dirixíndose por escrito á dirección sinalada no punto anterior, xuntando unha fotocopia do seu DNI.

23) Autorízase á organización para a utilización de calquera imaxe obtida durante a proba en publicacións, carteis e medios dixitais, a excepción das imaxes de menores.

24) Todo o non previsto no presente Regulamento resolverase segundo o criterio da organización.